Noso traballo

Que facemos

O territorio é o espazo no que teñen lugar as accións de transformación, onde converxen intereses comúns e propostas de cambio, onde se executan de primeira man as políticas públicas e onde se xeran os espazos de participación máis próximos á cidadanía. Os municipios son o quilómetro cero da solidariedade.

A Cooperación ao Desenvolvemento municipalista céntrase en fortalecer as capacidades locais, mellorar a calidade de vida a nivel municipal e promover o desenvolvemento sostible, todo a través da colaboración directa entre cidades e municipios de distintos países en todo o mundo.

A interdependencia da poboación mundial en termos económicos, tecnolóxicos, sociais, culturais e de organización política, é cada vez máis evidentes. Podemos afirmar que a prosperidade das sociedades que foron accedendo a niveis óptimos de benestar e a precariedade na que viven millóns de persoas, non son realidades independentes. Por tanto, a política de cooperación ha de entenderse desde a procura da xustiza social e do recoñecemento ás poboacións empobrecidas dos seus dereitos máis fundamentais, dereitos que son inherentes a cada ser humano.

A cooperación para o desenvolvemento xeralmente contribuíu a mitigar os efectos das desigualdades en todo o mundo, baseándose nos principios de solidariedade, xustiza e equidade. Os municipios, como actores próximos á cidadanía, teñen un rol clave en promover o desenvolvemento local e sostible.

Entre os obxectivos principais que promove a cooperación municipalista destacamos:

  • Fortalecemento de capacidades das administracións locais. Isto inclúe a mellora da gobernanza, o plan estratéxico e a xestión de recursos, o que aumenta a eficiencia e transparencia dos gobernos locais.
  • Desenvolvemento local. Os proxectos desenvolvidos polo municipalismo adoitan estar dirixidos a mellorar os servizos públicos (como a auga, saneamento, xestión de residuos), a infraestrutura urbana, a planificación territorial e o desenvolvemento económico local. Estas iniciativas buscan xerar impacto directo na calidade de vida da cidadanía.
  • Cooperación entre iguais. A cooperación municipalista baséase no principio de igualdade entre as partes. Os municipios colaboran como socios e comparten responsabilidades, o que crea relacións horizontais e de longo prazo.
  • Diversidade de actores. Na cooperación municipalista participan diversos actores, como gobernos locais, ONGs locais e internacionais, organizacións da sociedade civil, universidades…, o que permite un enfoque multisectorial e máis inclusivo nos proxectos.
  • Diplomacia de cidades. Os municipios non só participan en actividades técnicas, senón que tamén actúan como actores na diplomacia de cidades, que busca mellorar as relacións internacionais a nivel local. Esta diplomacia local axuda a construír redes internacionais e a xerar alianzas estratéxicas entre cidades.
  • Innovación. O coñecemento da política no ámbito local, ademais de conferir capilaridade e un alcance máis próximo ás necesidades do territorio onde se traballa permite unha maior orientación sobre as cuestións que poden cambiarse. Coñécense os límites da administración local, o que permite manter unha relación fluída, que promova a innovación e non forzar procesos de transformación que non sexan sostibles no tempo.

Promoción dunha cidadanía global crítica capaz de desenvolver, desde unha mirada horizontal, responsable e comprometida, iniciativas de loita contra a exclusión, a pobreza, a desigualdade e as inxustizas, en todo o mundo.

A Educación para o Desenvolvemento foi recoñecida por primeira vez por un organismo internacional en 1974. Nese ano, a UNESCO instou a Estados e organizacións do ámbito educativo a considerar a educación como un proceso fundamental para solucionar os problemas de supervivencia e benestar da humanidade e a adoptar as medidas de cooperación necesarias.

A Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global (EpDCG) abarca un amplo abanico de oferta educativa: formal, non formal e informal; ao longo de toda a vida e con públicos diversos: titulares de dereitos, titulares de responsabilidade e titulares de obrigación.

Permite a adquisición da aprendizaxe, o pensamento crítico, habilidades e competencias, actitudes e valores necesarios para facer fronte á complexidade nun mundo cada vez máis incerto, para a comprensión e a apreciación da riqueza do noso rico patrimonio e das diferentes culturas, e para responder ás crises e ameazas á paz.

A EpDCG inclúe certos elementos centrais:

  • Valores fundamentais de xustiza social a nivel global e local, paz, solidariedade, equidade e igualdade, sustentabilidade planetaria, inclusión, dereitos humanos, aceptación da diversidade e comprensión internacional.
  • Un enfoque na interconexión entre as dimensións local e global dos problemas que afectan as persoas, a outros seres vivos e ao planeta entre xeracións; entre culturas e entre o pasado, presente e futuro.
  • Un compromiso común coas prácticas pedagóxicas que son inclusivas, participativas, inspiran esperanza, permiten o pensamento crítico, e fan xustiza á prioridade do “alumnado”; á vez que se crean competencias e habilidades para unha acción informada, autorreflexiva e significativa, individual e colectiva.

Desde a cooperación municipalista fomentamos a EpDCG a través da formación, mobilización, sensibilización pública e o compromiso crítico cos problemas locais e globais, recoñecendo a súa relevancia para a propia vida e o benestar da sociedade.

Fomentamos unha cidadanía crítica coa súa realidade, capaz de responsabilizarse fronte ás desigualdades e inxustizas sociais exercendo os seus dereitos a través da participación, sendo protagonistas directos das solucións. Buscamos que a súa responsabilidade como cidadanía transcenda a esfera do local, comprometéndose cos dereitos de todas as persoas no seu conxunto, tomando conciencia sobre as consecuencias que as decisións cotiás poden ter a efectos globais. Que se recoñezan, en suma, como cidadanía pertencente a unha comunidade mundial de iguais en procura e esixencia dunha xustiza global, preocupada polos temas colectivos e que reclaman o seu protagonismo no desenvolvemento dos procesos sociais e políticos.

A Acción Humanitaria ten como obxecto protexer e salvar vidas, previr e aliviar o sufrimento humano, atender as necesidades básicas e inmediatas da poboación e promover os seus dereitos, todo iso desde unha perspectiva de redución da vulnerabilidade e fortalecemento de capacidades.

A asistencia humanitaria é fundamental especialmente en contextos de crises e emerxencias.

Salvación de vidas e alivio do sufrimento: En situacións de desastres naturais, conflitos armados e outras emerxencias, a asistencia humanitaria proporciona recursos esenciais como alimentos, auga, refuxio e atención médica, que son cruciais para salvar vidas e aliviar o sufrimento humano.

Protección dos dereitos humanos: A asistencia humanitaria axuda a protexer os dereitos fundamentais das persoas, incluíndo o dereito á vida, a seguridade e a dignidade. En moitas crises, as persoas afectadas son vulnerables a violacións de dereitos humanos, e a axuda pode proporcionar unha medida de protección e seguridade.

Resposta rápida e coordinada: En emerxencias, a capacidade de mobilizar rapidamente recursos e asistencia é crucial para minimizar o impacto da crise. A asistencia humanitaria organizada e coordinada asegura que a axuda chegue a quen máis a necesitan de maneira oportuna e eficiente.

Prevención da crise de saúde pública: Desastres e conflitos poden levar a condicións insalubres que fomentan a propagación de enfermidades. A asistencia humanitaria inclúe intervencións sanitarias e de saneamento para previr brotes de enfermidades e protexer a saúde pública.

Apoio á recuperación e resiliencia: Máis aló da resposta inmediata, a asistencia humanitaria tamén contribúe á recuperación a longo prazo e a construción de resiliencia. Axuda ás comunidades afectadas a reconstruír as súas vidas e mellorar a súa capacidade para enfrontar futuras crises.

Redución da vulnerabilidade: A asistencia humanitaria tamén se enfoca en abordar as causas subxacentes da vulnerabilidade, como a pobreza, a desigualdade e a falta de acceso a servizos básicos. Isto é esencial para reducir a exposición das persoas a riscos futuros.

Promoción da paz e a estabilidade: En contextos de conflito, a asistencia humanitaria pode axudar a reducir as tensións e promover a paz, ao proporcionar recursos básicos que poden diminuír a competencia e o conflito entre grupos.

Desde a cooperación local consideramos a Acción Humanitaria como un compoñente esencial da resposta global ás crises, proporcionando apoio vital e construíndo bases para unha recuperación máis sólida e sostible.

A administración pública local atópase nunha posición idónea para desempeñar un papel activo no marco das políticas de igualdade; dispón dun marco normativo nacional e internacional favorable, dunha cidadanía cada día máis empoderada, de novos liderados políticos en favor da igualdade máis aló do discurso teórico e de novos liderados femininos e feministas á fronte de importantes cidades de todo o mundo.

O desenvolvemento dun país e a súa saúde democrática mídense tamén polo seu compromiso coa igualdade de oportunidades e dereitos entre homes e mulleres. As políticas de xénero dependen en gran medida da vontade política de quen encabeza as institucións, e máis aló do discurso é necesario forzar o despregamento da normativa de xénero, priorizar a igualdade en todos os ámbitos e sectores da nosa sociedade e impulsar que todas as políticas, normativas, plans e actuacións teñan enfoque de xénero.

Un dos principais retos do século XXI e de acordo coa Axenda 2030 é reducir e paliar as desigualdades. Para lograr este reto, Nacións Unidas convídanos a traballar contra as causas estruturais que perpetúan as discriminacións e a inequidade. Coñecemos e, por tanto, situamos a desigualdade de xénero como unha das principais causas de empobrecemento e de limitación de dereitos.

A consideración dos dereitos das mulleres como dereitos humanos supuxo, así mesmo, un cambio de perspectiva na concepción dos dereitos desde un enfoque xurídico a unha “cultura dos dereitos humanos” que compromete aos gobernos e a calquera persoa, en tanto titular de dereitos, nunha socialización destes que rompa co sistema de crenzas machistas e patriarcais que serven de fundamento estrutural á vulneración dos dereitos das mulleres.

Isto supón a obrigación dos estados para contribuír activamente á modificación de patróns socioculturais, entendéndose que non haberá equidade nin igualdade de xénero se non se modifica a consideración tradicional dos papeis de mulleres e homes.

  1. Cuestionar as estruturas globais de iniquidade. Esíxese un modelo de desenvolvemento baseado nos dereitos humanos e traballar para transformar o modelo de desenvolvemento baseado na explotación.
  2. Centralidade da sustentabilidade da vida, humana e ambiental, prestando especial atención aos coidados, e o dereito ao coidado e o autocuidado, dando visibilidade ao ámbito privado, entroncando coas nocións de dignidade humana e de liberdades fundamentais que sustentan a definición dos dereitos humanos.
  3. Diferenza e diversidade, lonxe do concepto universal de “home” e cuestionando o etnocentrismo branco, heterosexual, de clase media e vida urbana, desde un enfoque que se ocupa da relación entre patriarcado, capitalismo e colonialismo.
  4. Posicionamento explícito contra todas as violencias de xénero, esixindo o fin de calquera forma de discriminación, así como a plena participación das mulleres na toma de decisións, incluíndo os procesos de construción de paz e seguridade humana.
  5. Salientar a garantía dos dereitos sexuais e os dereitos reprodutivos, situándoos no debate público como temas asociados á cidadanía, xustiza social e igualdade plena, como se recolle na Conferencia do Cairo (1994) e na Conferencia de Beijing (1995).
  6. Promover o establecemento de alianzas entre organizacións feministas dos distintos países, e dentro do país, apoiando as reivindicacións das organizacións locais contra as estruturas de poder nas súas realidades particulares.
  7. A transformación das relacións de poder e as causas estruturais que lexitiman as discriminacións, que afectan desproporcionadamente ás mulleres, comporta poñer en cuestión os estereotipos de xénero.
  8. Garantir a participación das mulleres en estruturas de representación e toma de decisións. A pesar do impulso dado á igualdade de xénero nos últimos anos, as mulleres han de continuar superando resistencias por parte das súas propias familias, as súas organizacións políticas, a institución onde traballan e as súas poboacións, o que evidencia a prevalencia dunha práctica sociocultural que discrimina e vulnera a súa decisión de asumir candidaturas ou cargos electos.

A Cooperación Técnica Municipal é unha ferramenta de solidariedade entre municipios de distintos países.

Consiste no intercambio de coñecementos, tecnoloxías e experiencias entre entidades locais e os seus equivalentes en países do sur global. O seu principal fin é mellorar as capacidades de organización interna e a calidade dos servizos públicos dos municipios implicados.

A Cooperación Técnica Municipal permite ir máis aló do modelo operativo de cooperación asistencial; neste sentido, permite transversalizar diferentes departamentos municipais e aumentar o valor engadido da cooperación local.

O motor principal deste tipo de iniciativa é o persoal técnico que, voluntariamente, traspasa os seus coñecementos e habilidades profesionais a terceiros e, deste xeito, aumentan as capacidades e a autonomía. O persoal técnico, á súa vez, goza de novas experiencias e crecen profesionalmente, revivindo procesos e asumindo novos retos.

Lonxe de ser unha acción caritativa, trátase dunha relación entre iguais, un intercambio aberto que xera un beneficio mutuo e que posibilita a participación entre municipios, do norte e do sur global, nun traballo de cooperación coherente e definido conxuntamente.

Así mesmo, a Cooperación Técnica Municipal inclúe tamén experiencias de técnicas e técnicos dos países do sur global que veñen a municipios vinculados aos Fondos de Cooperación para adquirir e trasladar as súas experiencias e coñecementos sobre proxectos, servizos, actividades que se están desenvolvendo desde as administracións públicas, gobernos locais e supramunicipais do noso territorio.

Aínda que podemos dicir que existen tantos tipos de cooperación técnica como competencias exercidas por un concello, as seguintes áreas son as que ofrecen máis interese en relación con esta modalidade de cooperación.

Auga e saneamento: Inclúe a regulación técnica, a sustentabilidade económica, o mantemento, a extensión de redes, etc.

Comercio e mercados: Inclúe aspectos relacionados co ordenamento da actividade comercial, o traballo asociado para garantir a calidade alimentaria, a integración dos sectores informais, etc.

Educación, cultura e patrimonio: Orientado á creación das estruturas xerais, e a xestión e preservación de materiais, espazos e obras de interese.

Igualdade, mocidade e inclusión social: Dedicado ao desenvolvemento de servizos que apoien a mocidade, a infancia, as persoas maiores, a igualdade, etc.

Enerxía: Trata políticas de eficiencia enerxética de gran repercusión económica para os municipios, o sector privado e a cidadanía.

Medio ambiente, xestión e planificación territorial: Inclúe as accións destinadas á preservación do medio ambiente e as zonas de interese natural, xunto á xestión de riscos ambientais.

Promoción económica e emprego: Engloba as políticas para a promoción dos sectores produtivos (incluído o turismo), que xeran emprego, integración e riqueza.

Residuos: Inclúe a planificación integral, a organización dos servizos de recollida, reciclaxe, etc.

Saúde pública: Promove a saúde pública mediante diferentes programas destinados á saúde sexual, a seguridade dos alimentos, a salubridade viaria, etc.

Urbanismo: Engloba o necesario para construír unha relación sostible entre a cidade e a súa contorna, ademais da posta en marcha da área de urbanismo.

Movilidad: Incorpora o despregamento de plans, normativas e infraestruturas de mobilidade, así como a posta en marcha e a mellora dos servizos públicos.

Crises Humanitarias/Emerxencias: Unha crise non é un fenómeno puntual, ter presente o contínuum: emerxencia – rehabilitación – desenvolvemento. Propostas de actuación específicas ante determinadas emerxencias.

Onde traballamos

Onde estamos