
CONFOCOS participa na presentación do programa Masar Al´an do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación
21/05/2024
A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS) e o Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional (FAMSI) participaron na presentación do novo programa de cooperación rexional da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) co mundo árabe, Masar Al’an, Masar Agora, celebrado na Casa Árabe en Madrid. O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, destacou o lanzamento de Masar Al’an como un paso crucial cara á modernización e adaptación do noso enfoque de cooperación rexional no Magreb e Oriente Próximo, onde España está comprometida en contribuír activamente á paz e ao desenvolvemento sostible.
Convidada á presentación, CONFOCOS a través da súa coordinadora, Lourdes Mourelo, coñeceu este proxecto que ten como misión contribuír á tripla transición social, ecolóxica e económica nos países árabes, como resposta aos seus actuais retos económicos, sociais e climáticos; xerar oportunidades para mozas e mulleres, sen deixar a ninguén atrás e promover alianzas fomentando unha maior cooperación rexional que favoreza o intercambio de coñecemento e a innovación. E todo iso avanzando na igualdade efectiva de mulleres e homes. Obxectivos compartidos por CONFOCOS que xa traballa nesta mesma liña a través de distintos proxectos realizados por varios fondos de cooperación e solidariedade presentes na rexión do Mediterráneo.
Estes proxectos realizaranse impulsando o fortalecemento institucional das entidades locais fomentando unha maior cooperación e integración rexional, contribuíndo á consecución dos obxectivos das axendas e follas de ruta da Unión polo Mediterráneo (UpM).
Para 2024 prevese unha dotación inicial de polo menos 4 millóns de euros, que poderá ser ampliada en anos posteriores. Este financiamento complementarase con achegas doutros programas da AECID, como o Programa de Transición Ecolóxica (PROTEC) ou o programa Ellas + para o empoderamento político e económico das mulleres, así como a través de contribucións aos organismos do sistema das Nacións Unidas.


