
Participamos no I Encontro Internacional de Cooperación e Axenda 2030 a Nivel Local
28/03/2019
A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade, participamos no I Encontro Internacional de Cooperación e Axenda 2030 a Nivel Local, que celebrou en Madrid os días 26 e 27 de marzo.
Con este encontro preténdese analizar e intercambiar experiencias, accións, programas e políticas públicas nacionais e municipais que se están desenvolvendo nos últimos anos para implementar nos territorios as estratexias globais para o desenvolvemento sostible.
David Minoves, coordinador do Fons Català de Cooperació al Desenvolupament, en representación da Confederación de Fondos e Solidariedade, interveu na sesión plenaria “Cooperación Descentralizada de Gobernos Locais, as súas Redes e a Axenda 2030”, na que compartía mesa con representantes do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), o Director Xeral de Políticas de Desenvolvemento Sostible (DGPOLDE), Antonio Zurita, director de Acción Internacional e Cidadanía Global do Concello de Madrid, representantes do Concello de Madrid, do Concello de Zaragoza e do Concello de Barcelona, así como representantes da rede de ONGs de Madrid.
Nesta sesión, David Minoves explicou ás persoas asistentes en que medida os Fondos de Cooperación constitúen espazos e prácticas alternativas para a xeración de alianzas multinivel e ademais de reflexionar cales serían os principais retos aos que se enfronta a cooperación descentralizada para o novo período despois das eleccións de maio, nas que se “necesita un compromiso político por parte de todas e todos os representantes públicos coas políticas ao desenvolvemento, ademais de avanzar en xerar espazos permanentes de traballo e consensuar modelos de traballo conxunto”.
A delegación que viaxou a Madrid participou en varios talleres de traballo: “Oportunidades para a cooperación descentralizada coa Unión Europea” e “Cooperación Integral para a Localización de ODS no territorio”.
Este evento organizouno o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) e a Unión de Cidades Capitais Iberoamericanas (UCCI), coa colaboración do Concello de Madrid e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Ao finalizar este seminario, contarase cun documento de conclusións e recomendacións sobre novas tendencias na práctica da cooperación descentralizada para a localización das axendas globais de desenvolvemento sostible.