
O III Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento congrega en Gandia a voces clave da cooperación local e global en cinco plenarias de alto nivel
12/05/2025
Vinte e seis persoas expertas en cooperación e municipalismo a nivel estatal e internacional achegarán a súa visión e experiencia os días 27 e 28 de maio en Gandia, a capital da comarca valenciana da Safor
Gandia acollerá os días 27 e 28 de maio o III Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, converténdose nun espazo de debate, diálogo, traballo e reflexión sobre a cooperación internacional descentralizada municipalista.
Están chamados a participar en Gandia todos os gobernos locais do Estado español (concellos, mancomunidades e deputacións), entre os que se atopan as máis de 1.100 entidades locais que forman parte dos diferentes fondos de cooperación e solidariedade que conforman a Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS). As entidades que conforman CONFOCOS destacan pola súa pluralidade política, territorial e de tamaño poboacional e coinciden no seu interese para conseguir un mundo máis xusto e igualitario baseado na cooperación internacional impulsada desde o ámbito local e na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) propugnados polas Nacións Unidas.
Plenarias
Este evento, que se desenvolverá en dúas xornadas, contará coa participación de vinte e seis persoas expertas en cooperación e municipalismo a nivel estatal e internacional, que achegarán a súa visión e experiencia a través de cinco interesantes plenarias.
O martes 27 de maio, no Palau Ducal, inaugurarase o III Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento coa apertura institucional e a primeira plenaria “Cooperación descentralizada. Diálogo multinivel”.
Esta plenaria consistirá nun diálogo político que moderará a presidenta do Fons Valencià per la Solidaritat e tenenta de alcalde de Xàtiva, Xelo Angulo, e contará coa participación da secretaria de Estado de Cooperación Internacional do Goberno de España, Eva Granados; a deputada Foral de Bizkaia e departamento foral de Emprego, Cohesión Social e Igualdade, Teresa Laespada; o presidente do Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació e alcalde de Alaró, Llorenç Perelló; o director xeral de Inclusión e Cooperación ao Desenvolvemento da Generalitat Valenciana, Pedro Carceller; a membro da Comisión de Desenvolvemento e Cooperación do Parlamento Europeo, Ana Miranda; e o presidente da Deputación de Cáceres e da Comisión de Cooperación para o Desenvolvemento e ODS da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Miguel Ángel Morales. Entre todas as persoas participantes debaterán en torno ao rol de complementariedade, liderado e innovación que os gobernos locais teñen na política pública de cooperación. Con esta primeira plenaria, buscarase xerar un espazo de reflexión e diálogo que permita reforzar o valor da cooperación internacional descentralizada municipalista, coñecendo o traballo que leva a cabo en favor do municipalismo desde diversos espazos e concretando retos de futuro.
O mércores 28 de maio os asistentes desprazaranse á Casa de Cultura Marqués de González de Quirós para gozar das catro plenarias restantes e a clausura institucional, momento no que se lerá a Declaración de Gandia.
O segundo relatorio, “O papel da cooperación local no novo contexto internacional”, estará moderada pola membro da Xunta Executiva do Fons Valencià e tenenta de alcalde do Concello de Gandia, Liduvina Gil, e intervirán o presidente do Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional (FAMSI) e da Deputación de Jaén, Francisco Reyes; o director xeral de Políticas de Desenvolvemento Sostible (DGPOLDES) do Goberno de España, Sergio Outeiro; o profesor da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, Ignacio Martínez; e o presidente do Centro para a Participación e o Desenvolvemento Humano Sostible de Bolivia (CEPAD-Bolivia), Carlos Hugo Molina.
Neste espazo reflexionarase ao redor das achegas do municipalismo nos últimos 30 anos e os retos que afronta a cooperación local nun novo escenario internacional onde os discursos anticooperación toman maior relevancia e onde os procesos de recentralización adquiren protagonismo. Buscarase reflexionar sobre os retos que afronta o municipalismo ante o novo contexto internacional, analizar a resposta local desde unha mirada holística, que inclúe reflexión e acción.
A continuación, o xerente de Euskal Fondoa Juanma Balerdi moderará a terceira plenaria “Contribución desde o municipalismo á Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD)”, onde se buscará xerar un espazo de diálogo no que mostrar a contribución da cooperación municipalista á AOD a través de diversas ferramentas que actualmente están en marcha, como informes, plataformas, observatorios etc., á vez que se establece un debate ao redor da voluntariedade vs repartición de obrigacións. Para falar de todo iso contarase coa presenza do director xeral de Servizos Xurídicos e Coordinación Territorial da FEMP, Francisco Díaz; a subdirectora xeral de Políticas de Desenvolvemento Sostible (DGPOLDES) do Goberno de España, Elena Fernández; e o fundador e consultor principal de Economistas da Cooperación (ECOPER), Aitor Pérez.
O cuarto relatorio tratará sobre “O novo Real Decreto de Subvencións e o seu impacto na cooperación municipalista: oportunidades e desafíos”, na que se exporá unha retrospectiva no modelo de traballo dos fondos con relación ás subvencións, incidindo no momento actual cun novo Real Decreto de Subvencións, analizando como dar resposta á lexitimación das actuacións de cooperación internacional desenvolvidas desde o ámbito municipal. Para iso, a xerente do Fons Mallorquí, Cati Socies, moderará esta plenaria, na que participarán a subdirectora de Internacional e Cooperación da Dirección Xeral de Servizos Xurídicos e Coordinación Territorial da FEMP, Mercedes Sánchez; a asesora do Gabinete Técnico da Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID) do Goberno de España, Miriam Benterrak; e o técnico do Fons Català de Cooperació al Desenvolupament, Albert Pujol.
E, por último, a quinta plenaria, titulada “Cooperación feminista. Participación e liderado das mulleres no desenvolvemento local”, estará moderada pola coordinadora técnica da CONFOCOS, Lourdes Mourelo, que estará acompañada pola concelleira municipal e membro da Directiva Nacional da Asociación de Concelleiras e Alcaldesas de Bolivia (ACOBOL), Leidy Guzman; o alcalde de Tarija (Bolivia), Johnny Torres; a presidenta do Centro Ecuatoriano para a Promoción e Acción da Muller (CEPAM), Lily Rodríguez; e a doutora en Ciencias Políticas e Relacións Internacionais da Universidade Complutense de Madrid, Marta Pajarín. Esta plenaria virará ao redor da cooperación feminista e como esta pon no centro o desenvolvemento das persoas, as relacións de xénero e os dereitos humanos, coa finalidade de transformar as desigualdades existentes para así conseguir a xustiza social e a igualdade efectiva entre mulleres e homes. Esta sesión pretende incidir nas metodoloxías de traballo da cooperación feminista e mostrar exemplos de proxectos de cooperación municipalista que son boas prácticas.
Inscricións abertas ata o 22 de maio
As inscricións para a asistencia ao III Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento continúan abertas ata o 22 de maio ou ata que se complete o aforo, para alcaldes e alcaldesas e concelleiros e concelleiras de concellos, presidentes e presidentas e conselleiros e conselleiras de mancomunidades, deputados e deputadas provinciais e persoal técnico local especializado en cooperación, solidariedade, Axenda 2030, servizos sociais etc., mediante a inscrición na web oficial: https://encuentroestatal.org/inscripciones/