A CONFOCOS convértese en novo membro da Conferencia Sectorial de Cooperación que preside o ministro Albares e representará aos gobernos locais

  • Inicio
  • Novas
  • As nosas actividades
  • A CONFOCOS convértese en novo membro da Conferencia Sectorial de Cooperación que preside o ministro Albares e representará aos gobernos locais

A CONFOCOS convértese en novo membro da Conferencia Sectorial de Cooperación que preside o ministro Albares e representará aos gobernos locais

O presidente da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS) Jordi Cuadras incorporouse como novo membro, en representación dos gobernos locais, da Conferencia Sectorial de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global que se constituíu este mércores en Madrid presidida polo ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Goberno de España, José Manuel Albares.

Esta nova Conferencia Sectorial créase por mandato da Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global, nos seus artigos 27 e 30, como órgano de participación, diálogo, coordinación, concertación e colaboración en materia de cooperación para o desenvolvemento sostible da Administración Xeral do Estado, das Administracións das Comunidades Autónomas, das cidades con Estatuto de Autonomía e, por primeira vez, dos gobernos locais con CONFOCOS e a FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias). Ten por finalidade contribuír a unha actuación máis eficaz, coherente, coordinada e complementaria das distintas Administracións públicas que executen programas, proxectos e accións en materia de cooperación para o desenvolvemento sostible.

A pesar de que, pola súa natureza, a Conferencia Sectorial foi creada automaticamente coa aprobación da Lei, o inicio do seu funcionamento ordinario require da aprobación do Regulamento, motivo polo que se levou a cabo esta primeira reunión constitutiva, para que así os seus diferentes órganos comecen a operar.

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación José Manuel Albares presidiu a Conferencia Sectorial subliñando “a importancia desta Conferencia Sectorial polo que supón de recoñecemento explícito á cooperación descentralizada como un actor estrutural e estructurador da Cooperación Española, dando un paso máis na reforma e modernización do noso sistema. Ademais, reafirma a nosa aposta pola cooperación internacional para o desenvolvemento e a acción humanitaria como un dos eixos da nosa nova Estratexia de Acción Exterior, desde o noso compromiso cun mundo máis próspero, con menos desigualdades, con máis dereitos”.

O presidente da Confederación Jordi Cuadras afirmou que “a paz, os dereitos humanos, a loita contra o cambio climático e a xeración de oportunidades para evitar migracións forzadas empezan no local. Transformamos a través da política local que é a máis próxima e, moitas veces, tamén a máis empática e resolutiva e a que provoca cambios inmediatos. E, sobre todo, aquela na que no Norte e no Sur falamos unha mesma linguaxe que é o do impulso de políticas públicas para axudar a construír gobernanza local. A CONFOCOS agradecemos a incorporación á Conferencia Sectorial e queremos achegar, incidir e traballar nun momento reaccionario a nivel global para que, desde o conxunto da cooperación española, acertemos nas respostas para facer un mundo máis xusto e máis humano tendo en conta,sempre que o municipalismo é o Km0 da solidariedade en España”.

Na sesión constitutiva tomáronse as primeiras decisións da nova Conferencia Sectorial de Cooperación, entre as que destaca a designación da vicepresidencia, que recae na cooperación vasca, cumprindo coa orde establecida de designación segundo a antigüidade dos Estatutos de Autonomía da comunidades e cidades autónomas. Ademais, aprobáronse por unanimidade o regulamento de funcionamento interno e a creación de grupos de traballo referidos ás distintas modalidades e instrumentos de cooperación e para a planificación, o seguimento e a avaliación do conxunto da cooperación española.

A CONFOCOS, un espazo de traballo conxunto pola cooperación internacional municipalista

A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS) reúne a máis dun milleiro de entidades locais do Estado español (entre concellos, mancomunidades, deputacións e consellos) agrupadas nun total de 9 fondos territoriais. A confederación naceu en 1995 e ten como obxectivos contribuír a impulsar a cooperación descentralizada municipalista dentro e fóra dos ámbitos territoriais dos seus fondos membros e ser interlocutor ante as institucións estatais, europeas e internacionais naquelas formulacións onde hai intereses coincidentes.

Actualmente, forman parte de CONFOCOS o Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional, Fons Català de Cooperació ao Desenvolupament, Asociación de Entidades Locais Vascas Cooperantes-Euskal Fondoa, Fondo Estremeño Local de Cooperación ao Desenvolvemento, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació, Fons Menorquí de Cooperació, Fons Pitiús de Cooperació e Fons Valencià per a Solidaritat.

Onde estamos