Persoal técnico dos concellos de Lugo e Tomiño apoia o proceso de descentralización en Guinea-Bissau

Persoal técnico dos concellos de Lugo e Tomiño apoia o proceso de descentralización en Guinea-Bissau

O programa ‘Especialistas en Cooperar’ chega por primeira vez ao país africano da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Unha técnica do Concello de Lugo e un técnico do Concello de Tomiño colaborarán as próximas semanas na descentralización administrativa da Rexión de Cacheu a través do programa ‘Especialistas en Cooperar’, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, socio da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade. Intercambiarán experiencias con técnicos/as locais para identificar deficiencias no sistema de recadación e propoñerán conxuntamente ferramentas para melloralo.

O labor de Teresa Vila, técnica de fondos europeos do Concello de Lugo, e de Xoán Amós, axente de desenvolvemento local do Concello de Tomiño, será compartir coñecementos en materia de finanzas municipais para elaborar un primeiro diagnóstico das deficiencias que presenta o sistema de recadación en Guinea-Bissau. O país lusófono non conta por agora con municipios formalmente constituídos, senón que as rexións estrutúranse en diversos sectores administrativos que necesitan fortalecer a súa capacidade de xestión para, deste modo, promover unha gobernanza democrática e transparente.

O persoal técnico galego reunirase con persoal tanto do Goberno Rexional como dos sectores de Cacheu, Canchungo, Bula e Bigene/Ingoré para identificar as carencias e as vías para emendalas propoñendo, de maneira conxunta, ferramentas alternativas que melloren a recadación para que esta redunde, á súa vez, no benestar da poboación a través das políticas e servizos públicos. Ademais, aproveitarán para revisar os proxectos de cooperación internacional impulsados polo Fondo Galego en materia de abastecemento de auga e educación da infancia.

“A nosa presenza contribuirá a concienciar sobre a importancia de certas accións para favorecer o desenvolvemento local e reforzar as capacidades do funcionariado para levalas a cabo”, comenta Teresa Vila, que ve ademais esta experiencia como unha “aprendizaxe vital”. Para Xoán Amós, participar no programa ‘Especialistas en Cooperar’ supón “poñerse ao dispor da poboación local para axudarlles a alcanzar os seus obxectivos”, neste caso, e “incrementar os ingresos públicos para reinvestilos en servizos para a sociedade”, e destaca que o feito de “involucrarse en proxectos que teñen realmente un impacto positivo e eficaz”.

Este proxecto de cooperación técnica municipal é unha liña de traballo priorizada na estratexia da CONFOCOS e xa contou previamente co apoio da AECID.

A CONFOCOS, un espazo de traballo conxunto pola cooperación internacional municipalista

A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS) reúne a máis dun milleiro de entidades locais do Estado español (entre concellos, mancomunidades, deputacións e consellos) agrupadas nun total de 9 fondos territoriais. A confederación naceu en 1995 e ten como obxectivos contribuír a impulsar a cooperación descentralizada municipalista dentro e fóra dos ámbitos territoriais dos seus fondos membros e ser interlocutor ante as institucións estatais, europeas e internacionais naquelas formulacións onde hai intereses coincidentes.

Actualmente, forman parte de CONFOCOS o Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional, Fons Català de Cooperació ao Desenvolupament, Asociación de Entidades Locais Vascas Cooperantes-Euskal Fondoa, Fondo Estremeño Local de Cooperación ao Desenvolvemento, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació, Fons Menorquí de Cooperació, Fons Pitiús de Cooperació e Fons Valencià per a Solidaritat.

Onde estamos