Representantes municipais de Cabo Verde coñecen iniciativas de desenvolvemento local da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Representantes municipais de Cabo Verde coñecen iniciativas de desenvolvemento local da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Este proxecto de intercambio de experiencias enmárcase nun proxecto a catro anos apoiado pola AECID a través da CONFOCOS
O alcalde do municipio caboverdiano de Tarrafal, José dos Reis, e o concelleiro Osvaldo Chantre, percorrerán ata o 31 de marzo unha decena de concellos adheridos ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, socio da CONFOCOS, para coñecer boas prácticas no ámbito da agricultura, a gandería e a pesca.
Esta visita enmárcase no proxecto “Apoio ao Desenvolvemento Económico Local do Municipio do Tarrafal”, impulsado polo Fondo Galego e cofinanciado pola Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade.
A axenda da delegación caboverdiana iniciouse o luns cunha recepción institucional no Concello de Nigrán, unha visita ao parque forestal de Os Matos-Río Táboas e a unha fábrica de cervexa artesanal. Pola tarde foron recibidos polo alcalde das Neves e tesoureiro do Fondo Galego, José Manuel Alfonso, onde coñeceron a produción do mel.
O martes desprazaranse ata Brión e Boiro para visitar hortas, un centro de transformación de conservas vexetais, unha cetaria de mariscos e unha empresa de subministracións para a pesca e a acuicultura. O mércores, José dos Reis e Osvaldo Chantre presentarán o proxecto de apoio ao desenvolvemento local de Tarrafal na Asemblea Xeral do Fondo Galego, que se celebrarán no Centro Cultural Marcos Valcárcel, exercendo a Deputación de Ourense como anfitrioa. Pola tarde visitarán unha granxa en Pantón, mentres que o xoves coñecerán unha cooperativa de horto ecolóxico en Oza-Cesuras. A xornada do venres desenvolverase no Concello da Laracha, con visitas a unha granxa e a unha planta de envasado. O sábado, os representantes municipais de Cabo Verde estarán en Salceda de Caselas para coñecer unha produtora cárnica e a labora da Asociación Veciñal, Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias. A axenda pecharase o luns 31 no Concello de Burela, onde se reunirán coa confraría e con armadores.
Este proxecto, que aposta pola cooperación técnica municipal, iniciouse en 2024, cando a axente de emprego e desenvolvemento local de Brión, Lola Landeira, e a xefa de brigada de incendios de Nigrán, Carla Pérez, desprazáronse a Tarrafal co programa de cooperación técnica ‘Especialistas en cooperar’, para identificar as necesidades e potencialidades da zona como punto de partida para unha colaboración a catro anos.
A CONFOCOS, un espazo de traballo conxunto pola cooperación internacional municipalista
A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS) reúne a máis dun milleiro de entidades locais do Estado español (entre concellos, mancomunidades, deputacións e consellos) agrupadas nun total de 9 fondos territoriais. A confederación naceu en 1995 e ten como obxectivos contribuír a impulsar a cooperación descentralizada municipalista dentro e fóra dos ámbitos territoriais dos seus fondos membros e ser interlocutor ante as institucións estatais, europeas e internacionais naquelas formulacións onde hai intereses coincidentes.
Actualmente, forman parte de CONFOCOS o Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional, Fons Català de Cooperació ao Desenvolupament, Asociación de Entidades Locais Vascas Cooperantes-Euskal Fondoa, Fondo Estremeño Local de Cooperación ao Desenvolvemento, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació, Fons Menorquí de Cooperació, Fons Pitiús de Cooperació e Fons Valencià per a Solidaritat.

Onde estamos