
Aprobada a nova normativa de subvencións e axudas en cooperación para o desenvolvemento sostible e solidariedade global
12/03/2025
Esta norma reforza a axilidade e a redución de cargas administrativas
O Consello de Ministros aprobou o Real Decreto polo que se regulan as subvencións e axudas no ámbito da cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global, marcando un fito na regulación dos fondos destinados á cooperación para o desenvolvemento.
O Real Decreto enmárcase no proceso de reforma da Cooperación Española que parte da Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global, e responde os seus obxectivos de modernizar os instrumentos de cooperación, facelos máis áxiles e flexibles para adaptalos ás necesidades presentes e futuras e reforzar a transparencia, a rendición de contas e o impacto nos proxectos de desenvolvemento.
A súa elaboración realizouse partindo dunha análise previa das necesidades específicas da cooperación ao desenvolvemento e de forma participativa. Involucrouse a persoal das distintas unidades da Axencia Estatal da Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a outros órganos e entidades afectados, como a cooperación descentralizada ou a sociedade civil.
A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade participou activamente do proceso de consulta, audiencia e información pública, trasladando propostas concretas relacionadas con cuestións como o alcance da norma, o pago das subvencións, os prazos de execución e xustificación ou o cambio de divisas, entre outras. Propostas que maioritariamente se tiveron en consideración, aínda que non sempre co grao de aplicación que desexásemos desde o ámbito local.
A continuación, detállanse as novidades máis destacadas deste novo Real Decreto:
- Definición de conceptos básicos no ámbito das subvencións de cooperación para o desenvolvemento sostible, favorecendo a súa comprensión e aplicación máis homoxénea
- Simplificación e harmonización de procedementos, evitando duplicidades na regulación
- Aprobación dun marco normativo mellorado e estable, coherente co ordenamento xurídico nacional e da Unión Europea, que adapta a regulación de subvencións e axudas ás especificidades do contexto de cooperación
- Maior flexibilidade, redución de cargas administrativas e simplificación das distintas fases dos procedementos, con novidades na achega de documentación.
Desde a Confederación de Fondos destacamos que esta nova norma recolle o papel chave das comunidades autónomas e os entes locais na cooperación española, a xeración e fortalecemento de alianzas e a súa participación activa na planificación e implementación da cooperación española, contribuíndo ao logro dos obxectivos da política española de cooperación para o desenvolvemento sostible. Celebramos a aprobación da nova normativa dada a relevancia que dito Real Decreto ten para a cooperación municipalista.