A CONFOCOS participa na xornada de presentación da Plataforma Española de Cooperación en Auga, Saneamento e Hixiene (PECASH)

  • Inicio
  • Novas
  • As nosas actividades
  • A CONFOCOS participa na xornada de presentación da Plataforma Española de Cooperación en Auga, Saneamento e Hixiene (PECASH)

A CONFOCOS participa na xornada de presentación da Plataforma Española de Cooperación en Auga, Saneamento e Hixiene (PECASH)

A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS) participou na presentación da Plataforma Española de Cooperación en Auga, Saneamento e Hixiene (PECASH) celebrada na Sede de AECID, en Madrid.

Esta plataforma busca crear unha rede que reúna aos diferentes actores da cooperación española no ámbito da auga, saneamento e a hixiene, fomentando a colaboración e o intercambio de experiencias.

A xestión da auga é un reto global que require un enfoque de gobernanza que garanta a sustentabilidade dos ecosistemas acuáticos e o acceso equitativo a este recurso esencial. Desde unha perspectiva baseada nos dereitos humanos, a gobernanza da auga non pode limitarse a unha mera xestión técnica ou económica, senón que debe estar guiada por principios de equidade, sustentabilidade e participación cidadá. Ademais, a emerxencia climática engade novos desafíos, intensificando os riscos de secas e inundacións. Neste contexto, faise imprescindible fortalecer a resiliencia ambiental e social mediante estratexias de xestión da auga baseadas no principio de precaución e en modelos de cooperación que integren a todos os actores implicados.

A xornada dividiuse en dúas sesións: a matutina estivo destinada a entidades e profesionais que desexen formar parte da Plataforma, na que se abordaron os obxectivos, funcionamento e os primeiros pasos para o seu desenvolvemento; mentres que pola tarde creouse un espazo de diálogo sobre as alianzas ao redor da gobernanza da auga e contou coa participación do relator especial de Nacións Unidas sobre o Dereito Humano á Auga e ao Saneamento, Pedro Arrojo.

Así, o presidente da CONFOCOS, Jordi Cuadras, participou no coloquio titulado “Miradas desde os diferentes sectores involucrados en cooperación española en materia de auga, saneamento e hixiene” xunto a Virginia Díaz, directora saínte do Observatorio OCUD da CRUE e vicerreitora adxunta para cooperación internacional en UPM; Miquel Carillo, xunta directiva da Coordinadora de ONGD; Darío Mauriño, xefe de cooperación, fondos e innovación de EMASESA; e Alberto Martínez, responsable de xestión de TECNIBERIA.

Jordi Cuadras afirmou que “celebramos o lanzamento desta plataforma como rede de redes e como un actor multiplicador da cooperación española en materia de auga. O dereito humano á auga é un dereito fundamental, tal e como recoñecen as Nacións Unidas. É un ben común e un recurso imprescindible para o desenvolvemento. E o é aínda máis, nun contexto de emerxencia climática como o que vivimos, que agrava o seu acceso e dispoñibilidade. Garantir o dereito á auga é garantir a vida, facilitar a hixiene, ter alimentos, previr enfermidades e evitar migracións e desprazamentos forzados en busca deste recurso. Tamén afrontamos a cooperación en materia de auga desde unha perspectiva que inclúa necesariamente o enfoque de xénero, xa que sabemos, polo traballo que realizan os fondos de cooperación municipalista, especialmente a través dos Comités de Auga potable e Saneamento, que as brechas de xénero que se manifestan no acceso, no uso e no control da auga, inciden claramente na vida das mulleres”.

O presidente da CONFOCOS detallou que pode achegar o traballo conxunto entre a Confederación de Fondos e a Plataforma: “A auga é unha competencia municipal e como entidade que representamos a cooperación municipalista española, traballamos principalmente no desenvolvemento daquelas competencias que teñen asignadas os concellos. Así que deas de CONFOCOS podemos achegar unha mirada local á plataforma, moi aterrada nas necesidades reais dos territorios onde desenvolvemos proxectos e das persoas que viven neles. A plataforma tamén vai permitirnos estar en contacto con outras iniciativas, coñecer boas prácticas, identificar espazos de colaboración e, por tanto, a seguir mellorando o noso traballo e contribuír á acción exterior de España desde as políticas locais de cooperación ao desenvolvemento”.

Pola tarde, Juan Manuel Balerdi, xerente de Euskal Fondoa, socio membro da CONFOCOS, interveu no “Panel de experiencias: alianzas ao redor da gobernanza da auga”, no que presentou como boa práctica o ‘Programa AKUAL: cooperación interinstitucional Euskadi-América Central en materia de Auga e Saneamento’. A encargada de moderar este panel foi Lourdes Mourelo, coordinadora técnica da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade.

Plataforma Española de Cooperación en Auga, Saneamento e Hixiene

Esta plataforma, que se estruturará mediante a coordinación operativa por parte de AECID acompañada dun grupo motor representativo de todos os sectores, conta cos seguintes obxectivos:

  1. Articulación e cooperación: impulsar unha plataforma que conecte aos diferentes actores españois en auga e saneamento, fomentando un enfoque colaborativo e inclusivo.
  2. Intercambio e aprendizaxe: facilitar o intercambio de experiencias, a sistematización de leccións aprendidas e a promoción dunha aprendizaxe mutua para mellorar a calidade e o impacto da cooperación.
  3. Coordinación: xerar un espazo de coordinación que permita integrar diversas voces, perspectivas e sensibilidades, promovendo unha posición común en foros nacionais e internacionais.

A CONFOCOS, un espazo de traballo conxunto pola cooperación internacional municipalista

A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS) reúne a máis dun milleiro de entidades locais do Estado español (entre concellos, mancomunidades, deputacións e consellos) agrupadas nun total de 9 fondos territoriais. A confederación naceu en 1995 e ten como obxectivos contribuír a impulsar a cooperación descentralizada municipalista dentro e fóra dos ámbitos territoriais dos seus fondos membros e ser interlocutor   ante as institucións estatais, europeas e internacionais naquelas formulacións onde hai intereses coincidentes. Actualmente, forman parte de CONFOCOS o Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional, Fons Català de Cooperació ao Desenvolupament, Asociación de Entidades Locais Vascas Cooperantes-Euskal Fondoa, Fondo Estremeño Local de Cooperación ao Desenvolvemento, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació, Fons Menorquí de Cooperació, Fons Pitiús de Cooperació e Fons Valencià per a Solidaritat.

Onde estamos