
Carta presidente da CONFOCOS, Jordi Cuadras
20/12/2024
Amigos e amigas,
Atopámonos a piques de empezar o ano de celebración do noso 30 aniversario. Un momento para poñer en valor toda a traxectoria de CONFOCOS e marcar os retos para o presente e o futuro do conxunto dos fondos de cooperación descentralizada de España. Desde a Confederación chegamos a este punto cos deberes feitos e cun novo plan estratéxico que pon de relevo a nosa entidade como un espazo de coordinación, diálogo e construción de proxectos comúns. Vivimos un momento de grandes retos nos que a cooperación ao desenvolvemento debe dar respostas ás consecuencias do cambio climático, as guerras e a regresión de dereitos humanos que vivimos e no que, unha vez máis, os países do Sur Global levan a peor parte.
Á vez enfrontámonos ao uso partidista e polarizador da inmigración en todas as democracias occidentais e debemos facer pedagoxía, desde a cooperación, para facer fronte a estes discursos e reforzar a democracia axudando, tamén, a preservar e potenciar a función dos organismos internacionais multilaterais creados despois da Segunda Guerra Mundial para velar pola paz e os dereitos humanos e que nestes momentos están en crises.
Sen dúbida debemos seguir traballando na promoción e posta en valor da cooperación descentralizada municipalista como parte imprescindible da cooperación española. Seguimos facendo noso o lema “O local é global” e queremos seguir contribuíndo na senda cara a un desenvolvemento global máis participado, máis sostible, máis equitativo e máis xusto. E facelo desde a política municipal, que é sempre sinónimo de política empática, próxima e resolutiva.
A CONFOCOS non sería posible sen o traballo incansable dos nove fondos de cooperación que agrupamos e os 1.130 municipios que entre todos representamos. Grazas polo voso traballo e confianza e emprazámonos todos e todas a seguir adiante comprometidos na construción dun mundo máis xusto.
Unha aperta e saúdos cordiais.