O Fons Valencià clausura a 11ª edición do proxecto “Especialista Municipal voluntario/a”

O Fons Valencià clausura a 11ª edición do proxecto “Especialista Municipal voluntario/a”

Foron 12 as persoas técnicas de concellos e mancomunidades do Fons Valencià quenes realizaron cooperación técnica durante un mes en municipios de Bolivia e Ecuador

​O Fons Valencià per la Solidaritat, socio da CONFOCOS, concluíu a 11ª edición do proxecto “Especialista Municipal Voluntario/a” a través do que 12 persoas técnicas de entidades locais da Comunitat Valenciana realizaron durante un mes voluntariado internacional mediante a cooperación técnica en municipios de Bolivia e Ecuador, centradas nos ámbitos de turismo, desenvolvemento local, igualdade, mocidade, participación cidadá, comunicación e música.

Esta edición contou coa colaboración da Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP) e da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS), así como co cofinanciamento da AECID, Unión Europea e Cooperación do Goberno de España.

Os obxectivos xerais do proxecto son os de crear unha conciencia solidaria e cooperativa entre as persoas voluntarias que participan, prestar asistencia técnica especializada en municipios e entidades dos países do sur e abrir un espazo de participación directa en terreo para as entidades locais socias do Fons en proxectos de cooperación internacional ao desenvolvemento que está a executar a entidade.

Ademais, preténdese favorecer a creación de espazos de participación, intercambio e transferencia de coñecementos entre municipios da Comunitat Valenciana e localidades de países do sur, sensibilizar ás persoas voluntarias sobre a realidade dos municipios do sur e sobre a importancia da cooperación internacional ao desenvolvemento descentralizada desde o ámbito local, así como apoderar ao persoal técnico sobre a importancia dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

As doce persoas participantes, recibiron un diploma acreditativo nun acto de clausura celebrado na Fundación Mutua Levante de Alcoy, onde se anunciou a convocatoria da 12º edición do proxecto para o primeiro cuadrimestre de 2025, así como accións de conmemoración por superar máis de 10 edicións do proxecto. Neste acto, os e as participantes contaron ao público as súas experiencias ademais de detallar a relevancia das accións de cooperación técnica e definíronas como unha ferramenta potencial para transformar realidades dos municipios do sur e mellorar a vida da xente dos países en vías de desenvolvemento. Tamén se celebrou unha mesa redonda na que se valorou e reflexionou sobre a importante sinerxia entre a cooperación técnica e o municipalismo, poñendo de relevo o papel do Fons como organización facilitadora para que as persoas técnicas de concellos e mancomunidades da Comunitat Valenciana poidan realizar asistencias técnicas e expoñendo o retorno positivo que hai cara ás entidades locais valencianas, e a respectiva cidadanía, cando unha persoa traballadora realiza unha asistencia técnica en localidades do sur.

As experiencias de todas as persoas participantes na 11ª edición de “Especialista Municipal Voluntario/a” pódense atopar en formato blog na web do Fons Valencià (https://emvfonsvalencia.com/) e en formato vídeo na web https://www.youtube.com/@fonsvalencia.

O proxecto “Especialista Municipal Voluntario/a”

Este proxecto do Fons Valencià cumpriu 11 edicións, despois de nacer en 2012, tendo que parar en 2020 e 2021 como consecuencia da pandemia provocada polo COVID-19.

As once edicións realizadas contaron con máis de 100 asistencias técnicas, que desenvolveron proxectos de cooperación técnica en diferentes concellos e entidades de países do sur, impulsando, por tanto, un desenvolvemento humano, xusto e sostible. Ademais, contouse coa colaboración nas cooperacións técnicas de máis de 25 contrapartes diferentes de Bolivia, Ecuador e O Salvador.

As valoracións do Fons, das persoas técnicas voluntarias e das contrapartes do sur alíñanse, considerando como moi positivas e cunha elevada incidencia as once edicións xa executadas do proxecto.

Onde estamos