
O Concello de Brión realiza unha recepción institucional ás técnicas municipais que cooperaron en Cabo Verde
05/11/2024
O Concello de Brión (A Coruña) realizou un acto de recepción institucional ás dúas técnicas municipais, Lola Landeira e Carla Pérez, que durante o mes de agosto prestaron asistencia técnica en Cabo Verde a través do programa ‘Especialistas en Cooperar’, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, socio da CONFOCOS.
O alcalde de Brión, Pablo Lago, e o alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego, Juan González, puxeron en valor a colaboración que o persoal de ambos os concellos prestou no municipio de Tarrafal (Cabo Verde), co obxectivo de promover un desenvolvemento económico local sostible e participativo.
A axente de emprego e desenvolvemento local de Brión, Lola Landeira, e a xefa de brigada de incendios de Nigrán, Carla Pérez, presentaron a súa experiencia de cooperación técnica no país africano, que lles permitiu identificar as necesidades e potencialidades da zona en contacto directo coa poboación local.
“Para coñecer o territorio percorremos centos de quilómetros, tanto en coche como a pé, e entrevistámonos con máis de sesenta persoas, desde representantes políticos e dirixentes de organizacións ata a propia cidadanía, que é a que mellor coñece as necesidades e como se debería mellorar a xestión no sector agrícola e ambiental, tendo en conta o enfoque de xénero”, explicou Lola Landeira. Tamén Carla Pérez destacou “esa parte social, na que a poboación mostra empatía polos problemas compartidos, algúns tan básicos como a escaseza de auga, que nalgúns casos pódense solucionar con pequenas actuacións que mesmo contribuirían a fixar a poboación”, accións que o Fondo Galego xa está a estudar.
Este proxecto forma parte do programa de colaboración 2024-2025 entre CONFOCOS e a Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID) onde, entre outros, ponse especial atención na definición e xestión máis directa dos proxectos de cooperación técnica municipal, grazas á identificación de persoas expertas, como é o caso do programa ‘Especialistas en Cooperar’ do Fondo Galego.