O Fondo Galego de Cooperación, socio da CONFOCOS, apoiará a municipios mozambiqueños na xestión financeira

O Fondo Galego de Cooperación, socio da CONFOCOS, apoiará a municipios mozambiqueños na xestión financeira

Este proxecto a catro anos está cofinanciado na súa primeira fase pola AECID a través da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade

​O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, socio da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade, acompañará aos municipios mozambiqueños de Manhiça e Namaacha no fortalecemento da xestión financeira, co obxectivo de garantir a súa sustentabilidade económica, impulsar o proceso de descentralización e contribuír á consolidación da democracia.

A misión político-técnica desprazada na última semana ao país lusófono foi recibida polos alcaldes de ambas as vilas, que mostraron ademais o seu interese por coñecer a experiencia dos concellos galegos en materia de recadación no marco deste proxecto, cofinanciado pola AECID a través da CONFOCOS.

O presidente do Fondo Gallego e alcalde de Nigrán, Juan González; o tesoureiro e alcalde das Neves, José Manuel Alfonso; e a vocal e concelleira de Benestar Social en Viveiro, Lara Fernández, culminaron con estes encontros a axenda en terreo, que sufriu algúns desaxustes debido á inestabilidade xerada tras as recentes eleccións presidenciais, con disturbios nalgunhas zonas. Deste xeito, ante a convocatoria de folga lanzada polo principal líder opositor para o pasado luns, que paralizou o país, a delegación galega suspendeu a visita ao proxecto a favor dos dereitos da infancia impulsado pola Fundaçao Encontro, que este ano será financiado polo Concello de Nigrán. Os representantes municipais pasaron o día na Casa do Gaiato realizando distintas tarefas de voluntariado coas e os menores alí acollidos/as, desde dar clases de teatro ata labores apícolas.

Nas xornadas previas, o equipo do Fondo Galego percorreu distintos municipios para supervisar as iniciativas apoiadas nos últimos anos, como as catro vivendas resilientes ao cambio climático construídas á vez que a Xunta de Galicia en Boane, cuxa propiedade foi cedida ás mulleres que encabezaban algunhas das familias máis afectadas polos ciclóns. Más ao norte, en Nhamayabue, a comitiva constatou o funcionamento dun dos pozos construídos para abastecer á poboación e evitar os ataques dos crocodilos ao achegarse ao río para coller auga. Ademais de estudar novas accións neste ámbito e no da agricultura, mantiveron un encontro con atletas e adestradores no que se comprometeu o apoio ao proxecto ‘Deporte e empoderamento’ que, entre outras cuestións, ofreceralle á xente nova alternativas de lecer saudable con enfoque de xénero.

O itinerario de traballo, acompañado en todo momento por persoal do Fondo Galego e da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), incluíu tamén a visita ao centro de acollida de menores ‘Esperanza’, nos arredores de Maputo, e unha última reunión na Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID). Desde o ano 2001, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoiou en Mozambique un total de 24 proxectos, que supuxeron un investimento de máis de 535.000 euros. A misión en terreo permitiu estreitar a colaboración coas entidades do país, avalando a súa continuidade.

Un dos países máis empobrecidos

Mozambique experimentou avances considerables desde os Acordos de Paz de 1992, pero o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue sendo un dos máis baixos do planeta, ao ocupar o posto 183 entre os 193 contemplados. A pobreza alcanza ao 74,5% da poboación, especialmente as mulleres, mentres que a esperanza de vida sitúase nos 60 anos. Os datos de alfabetización, mortalidade infantil e incidencia do VIH son tamén alarmantes. Con todo, trátase dun país cun gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita cada día por reverter a situación, algunhas con colaboración internacional.

Onde estamos