Técnicas municipais de Brión e Nigrán apoian o desenvolvemento local en Cabo Verde.

Técnicas municipais de Brión e Nigrán apoian o desenvolvemento local en Cabo Verde.

Dúas técnicas dos concellos de Brión e Nigrán, Lola Landeira e Carla Pérez, colaborarán durante tres semanas co municipio do Tarrafal (Cabo Verde) a través do programa ‘Especialistas en cooperar’, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, socio da Confederación de Fondos de Solidariedade e Cooperación.

O labor de Lola Landeira, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Brión, e de Carla Pérez, xefa da brigada de incendios no Concello de Nigrán, estará encamiñado a promover un desenvolvemento económico local sostible e participativo no Tarrafal, un municipio duns 17.000 habitantes situado na Illa de Santiago. Trátase dun proxecto de catro anos que, nesta primeira fase, se centrará na identificación dos recursos agrícolas e ambientais, de aí que as tarefas a realizar pasen por analizar necesidades e potencialidades, impartir formacións ou elaborar recomendacións, tendo en conta o enfoque de xénero.

Lola espera “achegar a experiencia de 25 anos traballando no desenvolvemento local en concellos rurais, polo tanto, moi vinculada á agricultura e ás mulleres. Estou convencida de que esta experiencia me vai aportar novas perspectivas que me poden axudar no meu traballo como responsable de desenvolvemento local”.

Pola súa parte, Carla detallou que decidiu presentar a súa candidatura en calidade de técnica agrícola para “poder traballar nunha realidade diferente con xente que vive noutro contexto, poder coñecer o que fan e como o fan, que precisan, que podo deixar e que me podo levar. Creo que é moi necesario saír da rutina”.

Unha ducia de traballadoras e traballadores de nove concellos presentaron a súa candidatura para participar na terceira edición de ‘Especialistas en cooperar’, tendo preferencia as administracións locais sociais do Fondo Galego. Ademais da formación e a experiencia, valorouse a vinculación co campo da cooperación e do desenvolvemento sostible. A iniciativa conta co financiamento da Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade.

Esta non será a única experiencia, xa que persoal municipal de Lugo e Tomiño viaxará en 2025 a Mozambique para apoiar a xestión financeira de dous concellos.

Cooperación técnica

A cooperación técnica municipal é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how, dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e asociacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de ‘Especialistas en cooperar’, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países que o Fondo Galego está apoiando.

A través de ‘Especialistas en cooperar’ e do anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, ‘Vacacións con traballo’, desde o ano 2005 un total de 53 empregadas e empregados da administración local colaboraron co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido. A reconfiguración do programa, que se retomou en 2022 tras quedar suspendido a causa da Covid-19, busca potenciar a súa dimensión de cooperación técnica no marco da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 112 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no campo da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a favor da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 25 anos apoiando uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación cos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

Onde estamos