O Parlamento de Gambia rexeita o proxecto de lei para volver legalizar a mutilación xenital feminina

O Parlamento de Gambia rexeita o proxecto de lei para volver legalizar a mutilación xenital feminina

A Mutilación Xenital Feminina (MGF) é ilegal en Gambia desde 2015, pero este ano a lei estivo a piques de desaparecer. En marzo, o lexislador Almameh Gibba presentou un proxecto de lei para derrogar a prohibición da MGF no país, argumentando que viola o dereito a practicar a cultura e relixión tradicional da cidadanía gambiana.

Tras meses de consultas cidadás e debates parlamentarios, o 15 de xullo o Parlamento de Gambia votou a favor de manter a lei que prohibe a MGF, con 33 votos a favor e 19 en contra.

A MGF, que altera ou lesiona os órganos xenitais femininos, sufrírona arredor de 200 millóns de mulleres e nenas no mundo, de acordo co Fondo de Poboacións das Nacións Unidas (FPNU). Calcúlase que 3 de cada 4 mulleres gambianas foron mutiladas. Ao 75 % das nenas entre 15 e 19 anos practicóuselles a MGF. Desde que se ilegalizou esta práctica no país, a cifra descendeu ata un 51 % en menores de 14 anos.

Con motivo desta noticia, o Fons Català, socio da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade, entrevistou a Adriana Kaplan, fundadora da organización Wassu Gambia Kafo, con quen traballa desde hai anos, por ter participado no proceso para manter o marco legal da MGF en Gambia.

A fundadora destacou que recibiron a noticia “como unha vitoria. Non obstante, non tiñamos claro como acabaría, foron moitos meses de loita, de mobilizar á sociedade civil e de poder involucrar a diferentes actores estratéxicos”. Pero tamén insiste en que “na votación quedaron 19 persoas que votaron en contra. Creo que é unha vitoria, pero non resolve o tema do todo. É dicir, temos un marco xurídico a partir do cal poder traballar, que protexe ás mulleres, ás nenas e nas organizacións que estamos traballando no tema”.

Adriana Kaplan explicou que “foi un longo proceso. Creo que a Comisión de Saúde e Xénero, que eran as dúas comisións encargadas de preparar o informe para que puidese ser aprobado polos parlamentarios, tomárono moi en serio. Houbo 143 comparecencias e Wassu tivo a oportunidade de comparecer en dúas ocasións. Unha vez en solitario, durante 4 horas, para aportar datos e presentar os resultados de dous estudos clínicos que realizou a entidade, que son os únicos que existen no país. Creo que tamén foi unha oportunidade de poder utilizar e poñer en valor o traballo que estivemos facendo todo este tempo. Despois tamén fixemos unha segunda comparecencia cunha matrona e Fatou, membro de WASSU, como mobilizadora, formadora e muller que vén das comunidades”.

O intento de legalizar a MGF foi un reflexo de vontade ou intención dun certo sector da sociedade. Que pasa a partir de agora? “Quédanos seguir traballando. Agora a ver como funcionará esta sociedade polarizada, como convivirá con ese coñecemento, porque agora todo o mundo sabe que existe unha lei. Agora tócanos observar e, sobre todo, non baixar a garda e seguir traballando. Quen denunciará? Xa veremos. É difícil denunciar á túa nai, á túa irmá, á túa veciña… É unha vergoña para a familia que sinalen a un membro da mesma”.

Desde CONFOCOS colaboramos co proxecto “Cooperación Técnica Delegada sobre prevención da MGF” do FCC, dotando de ferramentas e coñecementos específicos ao persoal técnico dos concellos cataláns que traballan directa ou indirectamente con poboación de orixe de países onde se practica a MGF. Establecendo sinerxías de mobilidade de coñecementos en materia de MGF entre Gambia e Catalunya. O proxecto conta co apoio e financiamento da Axencia Española de Cooperación ao Desenvolvemento (AECID) contribuíndo a impulsar a saúde sexual e reprodutiva das mulleres e os dereitos da infancia.

Onde estamos