A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade presenta a súa nova estratexia para 2024-2027 ante os fondos asociados
26/06/2024
A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade celebrou esta mañá o seu Consello Confederal a través dunha videoconferencia coa participación dos nove fondos que a integran: Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional, Fons Català de Cooperació al Desenvolupament, Asociación de Entidades Locais Vascas Cooperantes – Euskal Fondoa, Fondo Extremeño Local de Cooperación ao Desenvolvemento, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació, Fons Menorquí de Cooperació, Fons Pitiús de Cooperació e Fons Valencià per la Solidaritat.
Así, na reunión presentouse a “Estratexia Confocos 2024-2027. Unha cooperación internacional local que responda aos desafíos globais”, destacando os principais retos que asume a Confederación nun contexto mundial incerto, onde a Cooperación Local segue resultando necesaria e imprescindible na construción de sociedades máis xustas e igualitarias. Entre os retos máis destacados están:
– Estender o modelo de Fondos de Cooperación e Solidariedade, potenciando a creación de novos Fondos no territorio español que se sumen aos nove xa existentes.
– Establecer redes de comunicación e constituír grupos motores de traballo a nivel de xerencias e a nivel técnico que contribúan tamén á apropiación dos obxectivos de Confocos.
– Cooperación técnica municipal como modelo propio de cooperación municipalista.
– Cooperación feminista: aposta desde o local polo enfoque de xénero baseado nos dereitos humanos.
– Comunicación para o desenvolvemento: innovar na comunicación da cooperación municipalista.
– Incidencia nos órganos recoñecidos pola nova lei: facer valer a lei, mandatos e compromisos.
Ademais, tamén se actualizaron as principais actividades da Confederación para este 2024, nas que están incluídas:
– As alianzas estratéxicas coa AECID e a DGPOLDES.
– O proxecto piloto de Las Elegidas. Participación política de las mujeres en el ámbito local, coas que se pretende promover políticas municipais feministas.
– A celebración dun novo Encontro de Gobernos Locais, que dará continuidade aos celebrados anteriormente en Córdoba e Lugo, e que se celebrará a principios de 2025.
– A posta en marcha de grupos motores de traballo, que favorecen a apropiación dos nosos obxectivos.
A Confederación busca con todo isto seguir mellorando o seu traballo, mantendo e reforzando a súa identidade como espazo de representación, confluencia e posta en valor da cooperación descentralizada municipal, contribuíndo a ser parte da solución aos principais retos que afronta a humanidade, nun contexto incerto e complicado onde resulta necesaria a construción de sociedades máis xustas e igualitarias.