Doce profesionais de entidades locais realizarán un mes de voluntariado mediante cooperación técnica en Bolivia e Ecuador da man do Fons Valencià
20/06/2024
O Fons Valencià per la Solidaritat, fondo socio de CONFOCOS, inaugurou a 11ª edición do proxecto ‘Especialista Municipal Voluntario/a’.
Grazas a este proxecto, doce persoas técnicas de entidades locais da Comunidade Valenciana realizarán durante un mes voluntariado internacional mediante cooperación técnica en municipios de Bolivia e Ecuador, de acordo con asistencias técnicas solicitadas desde as contrapartes do Fons dos mesmos países. Os ámbitos nos que se centran estas asistencias son o turismo, desenvolvemento local, música, comunicación, igualdade e mocidade.
Este proxecto, no que colabora a Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS) e a Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP), conta co cofinanciamento da Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID) do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Goberno de España.
As doce persoas seleccionadas realizaron unha xornada formativa e de convivencia previa ao período de cooperación técnica no sur xunto a persoal institucional e técnico do Fons Valencià, así como técnicos locais participantes en anteriores edicións do proxecto. Nesta xornada coñeceron con detalle as diferentes asistencias técnicas que se executarán no sur e coñeceron de primeira man experiencias das últimas edicións. Tampouco faltou a formación, entre outras, do sistema de cooperación internacional ao desenvolvemento descentralizada desde o ámbito local, incidindo no modelo da cooperación técnica.
Os obxectivos xerais do proxecto ‘Especialista Municipal Voluntario/a’ son os de crear unha conciencia solidaria e cooperativa entre as persoas voluntarias que participan, prestar asistencia técnica especializada en municipios e entidades dos países do sur -contrapartes do Fons-, e abrir un espazo de participación directa en terreo para as entidades locais socias do Fons en proxectos de cooperación internacional ao desenvolvemento que está a executar a entidade. Tamén se pretende favorecer a creación de espazos de participación, intercambio e transferencia de coñecementos entre municipios da Comunidade Valenciana e localidades de países do sur, sensibilizar ás persoas voluntarias sobre a realidade dos municipios do sur e sobre a importancia da cooperación internacional ao desenvolvemento descentralizada desde o ámbito local, así como empoderar ao persoal técnico sobre a importancia dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).