Os tres fondos de Cooperación e Solidariedade de Baleares presentan nas II Xornadas de Educación para a Transformación Social os seus proxectos en centros educativos

  • Inicio
  • Novas
  • As actividades dos nosos socios
  • Os tres fondos de Cooperación e Solidariedade de Baleares presentan nas II Xornadas de Educación para a Transformación Social os seus proxectos en centros educativos

Os tres fondos de Cooperación e Solidariedade de Baleares presentan nas II Xornadas de Educación para a Transformación Social os seus proxectos en centros educativos

A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS) quere visibilizar o papel activo do Fons Pitiús, do Fons Mallorquí e do Fons Menorquí na formación dunha sociedade máis xusta, máis igual e que vele polos Dereitos Humanos. Os días 16 e 17 de maio os tres fondos presentaron os seus proxectos realizados en colaboración con distintos centros educativos no marco das II Xornadas de Educación para a Transformación social que se celebrou na cidade de Palma.

A coordinadora de CONFOCOS, Lourdes Mourelo, destaca o importante papel que desempeñan estes tres fondos pertencentes á Confederación, no seu labor de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global (EpDCG), que actúan como voz de denuncia ante as inxustizas e formando á mocidade para acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria. “A EpDCG permítenos evidenciar que vivimos nun mundo interconectado, onde o local é global e onde é necesario formar a persoas capaces de ter unha conciencia crítica ante as desigualdades e as situacións de inxustiza. A través da EpDCG as persoas adquiren competencias para comprender mellor os problemas globais, para reflexionar críticamente e promover un cambio social, democrático, solidario, inclusivo e ético, baseado nos dereitos humanos”.

En concreto, o Fons Pitiús de Cooperació presentou o traballo que se está desenvolvendo coa comunidade educativa de Ibiza e Formentera, dentro da campaña de sensibilización “Fronte ao racismo e a xenofobia, actuamos!”.

O obxectivo principal desta campaña é desmontar prexuízos, falsos rumores e discursos de odio sobre as persoas migrantes e as comunidades racializadas. As actividades que se levan a cabo cos centros educativos inclúen talleres participativos, un escape room, unha gincana, formacións para profesorado e diferentes exposicións fotográficas e interactivas. Todas elas enmarcadas en dous grandes eixes temáticos: Cultura de Paz e Migracións.

En particular durante a ponencia destacou o proxecto realizado co ciclo APGI (Asistencia ao Produto Gráfico Impreso) da Escola de Arte de Ibiza. O alumnado deste ciclo, despois de recibir unha formación do Fons Pitiús sobre racismo nos medios de comunicación, elaborou varias imaxes e audiovisuais para difundir a través de redes sociais. Un conxunto de carteis reivindicativos antirracistas e vídeos con historias de migración en primeira persoa, que constitúen unha valiosa contribución á campaña, facéndoa chegar á poboación máis nova das Illas Pitiusas.

Pola súa parte desde o Fons Menorquí de Cooperació traballa no proxecto @collim unha acción de Educación para a transformación social e ten a finalidade de contribuír á construción dunha cidadanía menorquina crítica, comprometida a nivel persoal e colectivo, coa transformación da realidade local e global, cada vez máis interdependentes e co desenvolvemento humano sostible, inclusivo e equitativo, desde o compromiso e a solidariedade e que vinculan o local co global.

A petición do IES Biel Martí o Fons Menorquí pon en marcha un proxecto de acollida que mellore a convivencia entre o alumnado no centro. E de aquí xorde o proxecto @collim, con perspectiva comunitaria e intercultural e de educación 360, que pretende ser complementaria e de traballo en rede co resto de recursos; ofrecer e compartir toda a información necesaria ás familias e previr a exclusión social a través do traballo intercultural e a convivencia entre culturas.

Ademais, o proxecto @collim pretende previr actitudes racistas e xenófobas a través de actividades que favorecen a inclusión e a igualdade cos colectivos con máis risco, fomentando a interculturalidade e a solidariedade.

“Sabemos que unha razón de discriminación e acoso que sofre o alumnado é por motivos culturais, étnicos ou relixiosos e o proxecto é unha boa ferramenta para traballalo. A través do proxecto favorecemos unha educación para a transformación social real, con cambio de actitudes que derivan en cambios de comportamento, para mellorar a cohesión e convivencia do centro e a comunidade”, explican desde o Fons Menorquí.

O Fons Mallorquí de Solidaritat aproveitou o espazo para explicar a estratexia de sensibilización que se segue, pensada para contribuír ao fito 4.7 dos ODS, que busca garantir que todos os aprendices adquiran os coñecementos e habilidades necesarios para promover o desenvolvemento sostible, incluíndo, entre outros, estilos de vida sostibles, a igualdade entre as persoas, a promoción dunha cultura de paz e a non-violencia, a cidadanía global e a apreciación da diversidade cultural e da contribución das culturas ao desenvolvemento sostible.

Baixo este precepto, o Fons Mallorquí ofrece ás súas entidades asociadas iniciativas que integren os diferentes ámbitos sociais (concello, entidades e centros escolares) en actividades que permiten dar a coñecer a tarefa de cooperación que se leva a cabo co seu apoio. Por iso, despois de explicar a teoría na cal se enmarca a estratexia do Fondo, pasouse a presentar cada un dos recursos –talleres, contacontos e exposicións- que os centros educativos poden solicitar a través dos seus concellos.

Onde estamos