CONFOCOS reelixe a Núria Parlon como presidenta
06/03/2024
Núria Parlón, alcaldesa de Santa Coloma de Gramenet (Barcelona) e Deputada de Relacións Internacionais da Deputación de Barcelona, foi elixida este mércores en Barcelona presidenta da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS). As e os representantes dos 9 fondos territoriais que a integran e que representan a máis dun milleiro de entidades locais do estado deron luz verde á proposta. Consensuouse unha candidatura plural que recolle distintas sensibilidades. O alcalde de Nigrán (Pontevedra) e presidente do Fondo Galego de Cooperación, Juan Antonio Gónzalez repite como vicepresidente; a alcaldesa de Elburgo (Álava) e presidenta de Euskal Fondoa, Nati López de Munain será a nova tesoureira e Simón Gornés, conselleiro do Consell Insular de Menorca e Vicepresidente do Fons Menorquí de Cooperació estréase como secretario. O resto de fondos que forman parte de CONFOCOS estarán presentes na executiva cunha vogalía.
CONSOLIDAR A COOPERACIÓN MUNICIPALISTA
A nova executiva propón para os próximos catro anos consolidar a liña de acción iniciada no mandato anterior. Propoñendo, segundo explicou Núria Parlon na súa intervención ante a asemblea, unha estratexia onde “a CONFOCOS se afiance como o espazo de representación conxunto que nos debe permitir seguir avanzando no recoñecemento e posta en valor da cooperación descentralizada municipalista”. Unha estratexia que debe permitir “seguir mellorando o noso traballo, mantendo e reforzándonos como espazo de representación, confluencia e posta en valor”. Para a presidenta reelixida, CONFOCOS debe ser “parte da solución, contribuíndo ao cumprimento da axenda 2030 mediante proxectos que fortalezcan os gobernos locais e as súas políticas públicas orientadas á redución das desigualdades”.
No anterior mandato, coa aprobación da lei 1/2023 de Cooperación Internacional conseguiuse o recoñecemento da cooperación descentralizada municipalista. Un recoñecemento que a confederación entendía “necesario e xusto”, que chegou nun momento onde algúns discursos anti-cooperación toman e seguen tomando protagonismo.
Segundo Parlon “as entidades locais deben seguir recollendo e estimulando a preocupación social ante a crítica situación en que sobrevive unha gran maioría da poboación mundial. Contextos de pobreza, desigualdade, guerras, catástrofes naturais, mobilidade humana forzada… requiren da cooperación internacional, como unha cuestión de xustiza global e neste sentido os concellos xogaron, e seguen xogando, un papel imprescindible”.
Neste contexto, e segundo a reelixida presidenta, débese apostar para “seguir afianzando o papel imprescindible que xoga a cooperación descentralizada municipal como cooperación de estado” e que agora xa se plasma na lei aprobada. A presidenta explicitou que, ante o novo marco normativo onde se recoñece o papel dos fondos de cooperación, a nova xunta directiva de CONFOCOS debe afianzarse definindo as liñas estratéxicas e as prioridades nos retos que se deben afrontar.



Nota de prensa da Asemblea Xeral Ordinaria de CONFOCOS (arquivo)