
AcessoCidades reúnese cos principais axentes de mobilidade pública de Cataluña.
28/09/2023
A delegación de AcessoCidades termina este xoves 28 de setembro a súa estancia de tres días en Cataluña para coñecer, debater e intercambiar proxectos sobre mobilidade urbana e igualdade. Nestes días de axenda intensa, os representantes do Frente Nacional de Prefeitos (Brasil), a Associazione Nacionale Comuni Italiani (Italia) e a Confederación Española de Fondos de Cooperación e Solidariedade (España) reuníronse con Transports Metropolitans de Barcelona (TMB), o Concello de Barcelona, a Área Metropolitana de Barcelona, Ferrocarrils da Generalitat, a Deputación de Barcelona, o Concello de Santa Coloma de Gramenet e o Parque Natural da Serralada de Marina. Nas sesións tamén se presentaron proxectos que Brasil e Italia están desenvolvendo e que poden ser adaptables a Cataluña.
Na visita do martes ao Triángulo ferroviario de Transports Metropolitans de Barcelona, o equipo de AccessoCidades puido coñecer este elemento clave para a xestión da rede e coñecer a flota de buses eléctricos, o servizo de bus a demanda ou que aplicación se fai da perspectiva de xénero nas políticas desta gran operadora de transporte catalá. A xornada completouse coa visita ás “superillas” do barrio de Sant Antoni de Barcelona. Representantes municipais explicaron a filosofía da implantación destas zonas de pacificación do tráfico para uso veciñal, onde se agrupan distintas illas/mazás de edificios para facer unha soa co obxectivo de pacificala.

O mércores houbo intercambio de experiencias coa Área Metropolitana de Barcelona. Entre outras cousas, debateuse sobre a incorporación e resultados obtidos coa incorporación de carrís exclusivos no transporte masivo ou as redes ciclistas metropolitanas, a partir das experiencias de Brasil e Italia. A xornada completouse cunha visita para coñecer e debater sobre mobilidade, urbanismo e perspectiva de xénero con Ferrocarrils da Generalitat onde se explicaron as políticas de igualdade da empresa e realizouse unha viaxe en tren para ver a súa implantación práctica.
O xoves, a delegación trasladouse a Santa Coloma de Gramenet para coñecer o funcionamento de AMBici, o novo servizo metropolitano de bicicleta compartida que se puxo en marcha este ano en 15 cidades dos arredores de Barcelona. Previamente, reuníronse coa presidenta de CONFOCOS, Nuria Parlon, que é a alcaldesa desta cidade e deputada adxunta á Presidencia e delegada para as Relacións Internacionais, a Axenda 2030, as Axendas Urbanas e a Innovación das políticas públicas da Deputación de Barcelona. A xornada finalizou cunha visita á Serralada de Marina de Badalona para reflexionar sobre parques periurbanos, mobilidade, natureza e saúde.
A visita do proxecto AcessoCidades a España finalizará o venres 29 de setembro en Bilbao.















Coñece máis da visita a España das delegacións de Brasil e Italia do proxecto AcessoCidades: cidades máis accesibles e conectadas (dossier de prensa)