Delegacións de Brasil e Italia interésanse polas apostas de Pontevedra e Vigo por unha mobilidade sostible
25/09/2023
Unha delegación de elixidas e equipos técnicos de Brasil e Italia visitaron este luns Pontevedra e Vigo para coñecer iniciativas en torno á mobilidade sostible e igualdade de Galicia. Puideron coñecer “Pontevedra 15 minutos”, a rede de rutas a pé que vertebran o casco urbano da capital das Rías Baixas e que conecta distintos puntos da cidade con percorridos dun cuarto de hora, e “Vigo Vertical”, unha iniciativa que está impulsando a construción de escaleiras mecánicas, ramplas e ascensores para facilitar a mobilidade nunha urbe con grandes desniveis. Na súa estadía, mantiveron encontros cos alcaldes, Miguel Anxo Lores de Pontevedra e Abel Caballero de Vigo. A visita forma parte de AcessoCidades: cidades máis accesibles e conectadas, un proxecto do Frente Nacional de Prefeitos (Brasil), coa participación da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (España) e a Associazione Nacionale Comuni Italiani (Italia) e coa colaboración da Unión Europea. O Fondo Galego de Cooperación, entidade que forma parte da Confederación de Fondos, foi o anfitrión da delegación.
Despois da reunión e un diálogo vivo co alcalde de Pontevedra, as elixidas e equipos técnicos de América do Sur e Europa pasearon polo casco urbano da cidade galega para ver como se desenvolveu “Pontevedra 15 minutos”, guiados por Daniel Macenlle, director xeral de Protección Cidadá do Concello. O alcalde Miguel Anxo Lores explicaba ás súas homólogas que “o cambio de modelo” que hai máis de 20 anos levou a cabo a cidade dando o máximo protagonismo aos peóns, foi unha aposta por un “cambio de modelo global”, máis aló da intervención nunha rúa ou un barrio. Aínda que admitiu que esta aposta tivo detractores, a xente “soubo apreciar as bondades do traballo feito”. A cidade ten uns 83.000 habitantes, a gran maioría no núcleo urbano, e “gañamos poboación” nunha comunidade onde hai municipios que perden habitantes. Esta aposta beneficia, segundo Lores, as persoas, pero tamén outros aspectos como o comercio. “Pontevedra 15 minutos” recibiu moitos premios internacionais, entre eles, o máis recente, un da Comisión Europea en materia de Seguridade Viaria, pola súa baixa sinistralidade.

RETOS DE SUSTENTABILIDADE. MOBILIDADE E CIDADES
Nun planeta absolutamente inmerso nos retos medioambientais, o proxecto AcessoCidades: cidades máis accesibles e conectadas quere promover o intercambio de experiencias entre países do Norte e do Sur Global para fomentar unha mobilidade sostible a partir de criterios de igualdade (acceso universal, xénero, etnia…). Ademais da sustentabilidade medioambiental (reducción de emisións, transporte sostible…), a mobilidade urbana ten moitos outros retos por diante como o financeiro (peaxes urbanas, impostos a combustibles…), a xestión do transporte público máis aló das propias cidades (zonas metropolitanas), a igualdade de xénero (protocolo contra o acoso sexual, condicións laborais equitativas…) ou as facilidades para que todos os colectivos teñan acceso ao transporte público.
As delegacións de Brasil e Italia están encabezadas pola prefeita de Novo Hamburgo, Cristina Caxinhas Daud. Esta municipalidade ten unha poboación de 250.000 persoas e está situada na rexión metropolitana de Porto Alegre. A visita a España, ademais de Galicia, tamén inclúe iniciativas no campo da mobilidade e igualdade en Cataluña e País Vasco.





Coñece máis da visita a España das delegacións de Brasil e Italia do proxecto AcessoCidades: cidades máis accesibles e conectadas (dosier de prensa)