Alcaldesas e equipos técnicos de Brasil e Italia visitan España para intercambiar experiencias e boas prácticas en mobilidade sostible e igualdade

  • Inicio
  • Novas
  • As nosas actividades
  • Alcaldesas e equipos técnicos de Brasil e Italia visitan España para intercambiar experiencias e boas prácticas en mobilidade sostible e igualdade

Alcaldesas e equipos técnicos de Brasil e Italia visitan España para intercambiar experiencias e boas prácticas en mobilidade sostible e igualdade

Coñecerán iniciativas en Galicia, Cataluña e o País Vasco no marco de AcessoCidades: cidades máis accesibles e conectadas, proxecto do Frente Nacional de Prefeitos (Brasil), coa participación da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (España) e a Associazione Nacionale Comuni Italiani (Italia) que conta co apoio da Unión Europea.

Unha delegación de alcaldesas e equipos técnicos de Brasil e Italia visitan España do 25 ao 29 de setembro para compartir coñecementos e proxectos en torno á mobilidade sostible con perspectiva de xénero. Nun planeta absolutamente inmerso nos retos medioambientais, o proxecto AcessoCidades: cidades máis accesibles e conectadas quere promover o intercambio de experiencias entre países do Norte e do Sur Global para fomentar unha mobilidade sostible a partir de criterios de igualdade (acceso universal, xénero, etnia…). Na súa visita a España, as prefeitas —denominación das alcaldesas en Brasil— e a delegación italiana van coñecer proxectos que xa están funcionando nas áreas urbanas de Vigo (Galicia), Pontevedra (Galicia), Barcelona (Cataluña), Santa Coloma de Gramenet (Cataluña) e Bilbao (País Vasco). Durante a súa estadía, reuniranse coas súas homólogas españolas para que estas tamén poidan coñecer as apostas que, en materia de mobilidade e equidade, están levando a cabo nas metrópoles de Brasil e Italia.

AcessoCidades é un proxecto do Frente Nacional de Prefeitos (Brasil), coa participación da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (España) e a Associazione Nacionale Comuni Italiani (Italia), xunto coa colaboración da Unión Europea.

Intercambio sobre accesibilidade e mobilidade urbana entre América do Sur e Europa

AcessoCidades é un punto de arranque para establecer espazos de intercambio en distintos ámbitos relacionados coa accesibilidade e mobilidade urbana co obxectivo de compartir coñecementos e experiencias sobre iniciativas desenvolvidas en cidades de América do Sur e Europa. As delegacións van debater sobre aspectos como a sostibilidade financeira do transporte e sobre o sistema utilizado en cada país (peaxes urbanas, impostos a combustibles…), os modelos de operadoras, a xestión do transporte público máis aló das propias cidades (zonas metropolitanas), a regulación dos servizos de transporte individual a través de aplicacións, o fomento da mobilidade activa segura (bicicleta, a pé…), a igualdade de xénero (protocolos contra o acoso sexual, condicións laborais equitativas…), ou as facilidades para que os colectivos vulnerables teñan acceso a toda esta rede de servizos.

Delegacións coa participación de alcaldes e alcaldesas de grandes cidades

As delegacións de Brasil e Italia serán de alto nivel. Entre os seus representantes destacan Paula Mascarenhas, prefeita da cidade de Pelotas, a cuarta maior poboación do estado de Rio Grande do Sul con 325.000 habitantes; Cristina Caxinhas Daud, prefeita de Novo Hamburgo, municipalidade cunha poboación de 250.000 persoas situada na rexión metropolitana de Porto Alegre ou Maria Margarida Martins, prefeita de Juiz de Fora, cidade de 547.000 habitantes situada no estado de Minas Gerais.

Reunión do Frente Nacional de Prefeitos (Brasil)

Coñece máis da visita a España das delegacións de Brasil e Italia do proxecto AcessoCidades: cidades máis accesibles e conectadas (dossier de prensa)

 

Onde estamos