
Déixanos Alfredo Novoa, ex Presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (1998 – 2011)
28/02/2022
A gran rede de persoas e institucións que conforman a Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade lamenta a morte de Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego durante catorce anos. Agora que a entidade está a piques de cumprir un cuarto de século, só podemos agradecerlle o forte salto que, como concelleiro de Oleiros, lle deu á solidariedade municipal en Galicia.
Alfredo Novoa participou activamente na xestación do Fondo Galego, impulsada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), avogando pola solidariedade global desde o ámbito local cada vez que se lle presentaba a ocasión. Baixo o seu mandato (1998 – 2011) estableceu e consolidou a cooperación cos países do Sur, en especial con Cabo Verde e Cuba, forxando un compromiso co desenvolvemento das sociedades máis desfavorecidas que continúa na actualidade.
Informático de profesión, a súa militancia tamén a mostrou no mundo sindical e na vida política, exercendo durante dúas décadas como tenente de alcalde de Oleiros e sendo actualmente presidente de honra do seu partido, Alternativa dos Veciños. A admiración do seu pobo levouno mesmo a ter unha rúa co seu nome. Defensor do diálogo e a honestidade, o seu labor tamén foi intensa na Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade a nivel estatal, onde por estes días se lle recorda con agarimo e admiración.
Pola súa posta en valor do poder local como peza crave da cooperación ao desenvolvemento impulsada desde Galicia, pero tamén ao longo da súa historia vital, non podemos máis que recoñecer o labor de Alfredo Novoa, desde a tristeza que nos produce a súa marcha, pero tamén desde a convicción de que o seu legado perdurará no tempo. Con este consolo enviamos unha forte aperta á súa familia e amizades, así como aos compañeiros do Concello de Oleiros.
Juan González
Presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
