O 70% da cidadanía de Cataluña cre que se deben dedicar máis recursos á cooperación, tamén no actual contexto de pandemia
15/01/2021
O 70% da cidadanía de Cataluña cre que se deben dedicar máis recursos á cooperación, tamén no actual contexto de pandemia
- O 84% das persoas enquisadas cre que a resposta á pandemia debe ser global
- Máis da metade está de acordo en que as administracións públicas destinen recursos á cooperación ata chegar ao 0,7%
- A enquisa foi impulsada polo Fons Català de Cooperació al Desenvolupament
Barcelona, 14 de xaneiro de 2021 – A gran maioría de cataláns e catalás están de acordo en que as administracións públicas dediquen unha parte dos seus recursos á cooperación cos países empobrecidos, tamén no actual contexto de pandemia. Así o recollen os resultados dunha enquisa encargada polo Fons Català de Cooperació al Desenvolupament para coñecer como hai que actuar no ámbito da cooperación internacional nun mundo en crise marcado por grandes retos como o Covid-19 ou as migracións.
A maioría das persoas enquisadas cre que o principal problema mundial é a pandemia do Covid-19 e o 84% pensa que a resposta a esta debe ser global. Neste sentido, 3 de cada 4 cataláns e catalás opinan que a pandemia afecta de maneira máis significativa aos países empobrecidos e que, polo tanto, se estes países non teñen suficientes recursos, as consecuencias poden chegar tamén a Cataluña.
O estudo, que se presentou en rolda de prensa este xoves 14 de xaneiro, contou coa participación de máis de mil persoas de Cataluña e foi realizado pola empresa YouGov e financiado pola Deputación de Barcelona.
Migracións forzadas e o dereito a protección internacional
Segundo recolle a enquisa, un 79% pensa que as persoas migrantes abandonan o seu país de orixe de maneira forzada fuxindo da pobreza, a violencia e a falta de dereitos humanos, só un 18% cre que a migración se dá por vontade propia. A poboación defende que existan políticas de cooperación cara ás zonas máis empobrecidas do planeta, xa que consideran que as desigualdades entre países poden afectarlles directamente (60%). O 46% das persoas que perciben esta afectación, consideran que as migracións forzadas son unha das principais consecuencias da pobreza. Como resposta a este gran reto global, a maioría (56%) valora que o Estado español debería dispor de recursos para garantir refuxio, asilo e protección a estas persoas que se ven obrigadas a migrar.
Máis políticas de cooperación ao desenvolvemento
Máis da metade dos cataláns e catalás cre que a sociedade aínda non está suficientemente concienciada sobre temas de cooperación ao desenvolvemento. De feito, un 44% das persoas enquisadas descoñecen a existencia de políticas neste ámbito. A pesar do descoñecemento, máis do 80% opinan que se deben destinar recursos aos países empobrecidos. O apoio da poboación ás políticas de cooperación é real pero tamén crítico, xa que consideran que as políticas de axuda ao desenvolvemento se implementan máis para favorecer intereses económicos, comerciais e estratéxicos (59%), que non para combater a pobreza e a fame, ou evitar guerras e conflitos.
No relativo ao traballo que se desenvolve nas administracións públicas en materia de cooperación, só un terzo dos cataláns e catalás coñecen especificamente o compromiso dos países desenvolvidos en destinar o 0,7% do Produto Interior Bruto (PIB) á cooperación coas zonas máis empobrecidas. Con todo, máis da metade das persoas enquisadas estaría de acordo en aumentar a achega económica en cooperación para chegar a este porcentaxe en 2030. De feito, un 62% considera que a Generalitat debería fixar chegar a este obxectivo, incluso nun contexto de recesión económica. Finalmente, máis da metade das persoas preguntadas valoran que o sistema económico mundial e a corrupción interna son os principais motivos da pobreza no mundo e que, polo tanto, se deben poñer condicións de respecto aos Dereitos Humanos aos países receptores de axudas.
O compromiso da sociedade catalá nun mundo global e desigual
O Fons Català de Cooperació al Desenvolupament encargou a enquisa co obxectivo de dispor dunha fotografía clara dos coñecementos e a adhesión da cidadanía de Cataluña sobre as respostas que deben darse ante retos globais, como a pandemia ou as migracións. O presidente do Fons Català, Isidre Pineda, explica que “o máis importante deste estudo é poder poñer cifras ao que, ata agora, eran percepcións do contorno da cooperación ao desenvolvemento”. Segundo o director do Fons Català, David Minoves, esta enquisa confirma que “a sociedade catalana sabe que, ante os problemas globais, ata que non o consigamos todos, ninguén o conseguirá”. Para Minoves, este feito rexeita receitas insolidarias como o slogan “primeiro os de casa”. Pineda remarca que os resultados do estudo confirman que “a solidariedade internacional é necesaria e que se deben dedicar recursos á cooperación ao desenvolvemento, especialmente neste contexto de crise”.