A CONFEDERACIÓN DE FONDOS REAFIRMA O COMPROMISO DOS GOBERNOS LOCAIS CARA Á COOPERACIÓN INTERNACIONAL

A CONFEDERACIÓN DE FONDOS REAFIRMA O COMPROMISO DOS GOBERNOS LOCAIS CARA Á COOPERACIÓN INTERNACIONAL

O 28 de outubro de 2020 celebrouse o Consello Confederal da Confederación de Fondos de Cooperación, ao que asistiron de forma virtual todos os Fondos de cooperación que son membros. O encontro serviu para reafirmar o compromiso dos gobernos locais e territoriais en favor da cooperación internacional.

Todos os Fondos coincidiron de maneira unánime en que, no contexto dunha pandemia mundial, os gobernos locais deben dar resposta, de maneira ineludible, ás necesidades das súas respectivas cidadanías, pero que o urxente non pode facer esquecer o importante, como continuar defendendo e mantendo a cooperación internacional co fin de poder dar respostas aos retos globais nun mundo interconectado. É nesta liña que a Confederación e os diferentes Fondos que forman parte deben caracterizarse pola destreza e a determinación na defensa da cooperación como servizo público, así como poñer en valor a súa experiencia, profesionalidade e capacidade de consenso tanto ante o conxunto do sector como do resto de institucións.

O Consello Confederal acordou fortalecer a súa capacidade de representación e incidencia conxunta para que a Confederación se converta nunha interlocutora activa nos procesos de reforma da estrutura de cooperación do Estado, tales como a reforma da Lei ARSAL, a Lei de Subvencións ou a Lei de Bases de Réxime Local, que afectan moi directamente ao labor da Confederación e dos diferentes Fondos que a conforman.

O encontro tamén serviu para aprobar un plan de acción que pivota sobre diferentes eixes de traballo: fortalecemento dos fondos e da estrutura da confederación, incrementar a capacidade de divulgación e sensibilización, a internacionalización e consolidar os recursos humanos e materiais.

Nestes momentos, os Fondos de Cooperación aglutinan e xestionan as achegas a cooperación de máis de 1.000 entidades locais en todo o estado español, o que converte a cooperación descentralizada nunha ferramenta de transformación social para avanzar cara a sociedades máis xustas e igualitarias.

Actualmente forman parte da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade do Estado o Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional, o Fons Català de Cooperació al Desenvolupament, Euskal Fondoa, o Fondo Extremeño Local de Cooperación ao Desenvolvemento, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació, o Fons Menorquí de Cooperació, o Fons Pitiús de Cooperació e o Fons Valencià per la Solidaritat.

Onde estamos