
A CONFOCOS quere ser un axente activo na nova cooperación estatal
14/10/2020
A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (CONFOCOS) quere ser un axente activo na cooperación española. Así o transmitiu este martes, 13 de outubro, á Secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Ángeles Moreno Bau. O obxectivo da reunión foi presentar a nova etapa da CONFOCOS, que preside Nuria Parlon, alcaldesa de Santa Coloma de Gramenet e vicepresidenta do Fons Català. A nova presidenta manifestou o compromiso dos nove fondos de cooperación que a integran a ter un papel destacado nos distintos estamentos estatais da cooperación ao desenvolvemento.
No encontro, Moreno comprometeuse a traballar para que a CONFOCOS poida ter interlocución permanente con axentes da cooperación estatal como poden ser a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) ou a Dirección Xeral de Políticas de Desenvolvemento Sostible (DGPOLDES). A presidenta da confederación, Nuria Parlón, comprometeuse a facer unha proposta que defina o papel que podería desenvolver a confederación e incorporala ás novas políticas estatais de cooperación, agora que as distintas mesas políticas debaten para adaptala ás novas realidades.
Parlon desgranou o novo rol que queren que teña CONFOCOS que está avalado por 25 anos de existencia e pola súa pericia en campos como a contribución económica, a cooperación técnica, a capacidade de avaliación…, e polo papel destacado que tivo a cooperación descentralizada municipalista. Neste sentido cre que os coñecementos das administracións locais en temas como a xestión de servizos públicos, o desenvolvemento rural ou a xestión da auga son claves neste novo plantexamento que se pretende implantar.
A CONFOCOS, nacida en 1995, é un axente vital nas políticas de cooperación que quere contribuír a impulsar a cooperación descentralizada dentro e fóra dos ámbitos territoriais. Os 9 fondos que a integran representan a 1149 entidades locais que en 2019 destinaron á cooperación ao desenvolvemento 15,3 MEUR.