
Nuria Parlón elixida nova presidenta da Confederación de Fondos
19/02/2020
A Asemblea Xeral da Confederación de Fondos, que reúne máis dun milleiro de entidades locais do estado (entre Concellos, Deputacións e Consells), agrupados en 9 fondos territoriais, renovou os seus órganos de goberno o mércores 19 de febreiro nun acto celebrado no Palacio Yohn-La Bolsa do Casco Vello de Bilbao. Núria Parlón, alcaldesa de Santa Coloma de Gramanet (Barcelona) e vicepresidenta do Fons Català, asume a presidencia do ente.
No transcurso desta primeira sesión plenaria tras a renovación de cargos dos seus respectivos Fondos, nomeáronse os cargos do Consello Confederal para o período 2020-2023. Parlón toma o relevo de Juan A. González, alcalde de Nigran (Pontevedra) e presidente do Fondo Galego, que pasa a ocupar a vicepresidencia.
O resto do Consello está conformado por representantes de Euskal Fondoa (Ernesto Sainz, alcalde de Agurain), Fons Menorquí (Susana Mora, presidenta do Consell Insular), Fondo Andaluz –FAMSI (Ignacio Caraballo, presidente da Deputación de Huelva), Fondo Extremeño –FELCODE (Mª del Rosario Cordero, presidenta da Deputación de Cáceres), Fons Mallorquí (Mª Antonia Mulet, alcaldesa de Algaida), Fons PItiús (Concelleiro do Concello de Eivissa) e Fons Valencíà (Álvaro Escorihuela, concelleiro do Concello de Vila-real).