Persoal de tres concellos galegos cooperará en Mozambique e Cabo Verde a través do programa Vacacións con Traballo do Fondo Galego.

Persoal de tres concellos galegos cooperará en Mozambique e Cabo Verde a través do programa Vacacións con Traballo do Fondo Galego.

– Técnicos e técnicas municipais da Coruña, Lousame e Redondela colaborarán con administracións locais e ONGD socias do Fondo Galego de Cooperación.

– O voluntariado asesorará en materia de desenvolvemento local, deporte e medio ambiente, ao tempo que contribúe a sensibilizar fronte ás desigualdades.

Dous técnicos e unha técnica dos concellos de Redondela, Lousame e A Coruña desprazaranse antes de finais de ano a Mozambique e Cabo Verde para colaborar durante un mes coas entidades socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que as tres administracións locais son socias. Os voluntarios e a voluntaria asistiron no mes de xullo a unha xornada formativa, co fin de preparar a súa participación no programa Vacacións con Traballo, que cofinancia a Xunta de Galicia.

En setembro viaxará a Cabo Verde Lola Pardo, técnica de desenvolvemento local do Concello da Coruña que vai asesorar á Cámara Municipal de Santa Cruz na implementación do seu Plan Estratéxico de Desenvolvemento Económico, formando tamén a axentes locais. “Espero achegar, e recibir tamén, experiencia e coñecemento, pois é un camiño de dobre sentido que espero teña continuidade despois da estadía”, comenta a voluntaria.

As outras dúas viaxes produciránse en novembro. Será entón cando Néstor Romero, técnico de deportes en Lousame, colabore coa vila mozambicana de Nhamayábue, intercambiando experiencias co seu homólogo no municipio e participando na organización dun campionato de fútbol do distrito. A súa intención é “impulsar o fomento do deporte neste concello rural e apoiar en todo o que estea na miña man”, sostén. Neste sentido, aproveitará para supervisar o proxecto de abastecemento de auga que o Fondo Galego financia na zona e que se atopa en proceso de reparación tras verse afectado polas fortes choivas deste ano.

Ao país lusófono desprazarase tamén Jesús Bravo, técnico medioambiental do Concello de Redondela, para cooperar durante un mes coa Fundação Encontro combatendo unha problemática crecente como é a acumulación de lixo. O seu cometido pasa por “asesorar en materia de reciclaxe dos residuos e concienciación ambiental, sempre cunha perspectiva de solidariedade e compromiso”, apunta. Entre as súas tarefas estará orientar na planificación dalgunha proposta que presentarlle ao Concello de Boane e formar ao grupo de activistas Khumbuka, que logo encárganse de dinamizar ás comunidades.

Con esta decimocuarta edición, serán un total de 47 os empregados e empregadas da administración local que participaran nas Vacacións con Traballo. O obxectivo do programa é achegar unha cooperación técnica sobre o terreo, pero tamén visibilizar a realidade do Sur e sensibilizar fronte ás desigualdades. Con este fin, o voluntariado enviará periodicamente publicacións para as redes sociais e tamén se editará un caderno dixital.

Onde estamos