
O Fondo Galego apoiará a Mozambique tras o paso do devastador ciclón.
10/04/2019
Despois de golpear Malawi como tormenta tropical, o ciclón Idai tocou terra preto da cidade mozambicana de Beira o 14 de marzo e ao día seguinte desprazouse cara a Zimbabue. Dúas semanas despois contabilizábanse máis de 700 mortes nestes tres países, 468 en Mozambique, onde tamén deixou unhas 1.500 persoas feridas, aínda que as afectadas podían ser arredor de 1.850.000. As augas contaminadas e a carencia de auga potable están a propiciar a extensión do cólera, a diarrea e a malaria. Os servizos de educación e saúde locais víronse interrompidos, tamén os tratamentos para pacientes con VIH, que teñen unha alta incidencia na zona.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade, fundado en 1997, está a estudar nestes momentos a mellor vía para apoiar a Mozambique, país co que leva colaborando desde hai case dúas décadas cunha decena de proxectos. Dous deles atopábanse activos nese momento. Un para reducir os factores de risco que poden levar á mocidade a contraer adiccións, enfermidades ou embarazos precoces, utilizando o deporte como ferramenta, e outro para construír sistemas de abastecemento de auga co fin de que a poboación non teña que recollela no río, evitando así as mortes por ataques de fauna salvaxe.
O primeiro dos proxectos desenvólvese coa Fundação Encontro nos distritos de Boane e Naamacha, ao sur de Maputo, por iso apenas sufriron os efectos das inundacións. Non obstante, no segundo dos casos, a iniciativa lévase a cabo xunto ao municipio de Nhamayábue, que resultou afectado por fortes choivas, ata o punto de que máis de 1.000 familias perderon a súa vivenda.
Ademais, os catro sistemas de abastecemento construídos quedaron anegados, polo que serán necesarias tarefas de reparación. Doutra banda, o Fondo Galego está en contacto coa Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), que tamén solicitou a colaboración das administracións locais para contribuír a paliar os efectos do desastre.
Mozambique experimentou un crecemento considerable desde o Acordo de Paz, asinado en 1992, que puxo fin a dezaseis anos de guerra civil, pero o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser un dos máis baixos do planeta. A pobreza alcanza ao 55% da poboación, especialmente nas mulleres, e a esperanza de vida sitúase nos 57 anos.
Aínda así, trátase dun país cun gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter esta situación, algunhas delas con colaboración internacional. Tal é o caso dos concellos e organizacións apoiados polo Fondo Galego, que canaliza así as inquedanzas dun cento de concellos e deputacións de Galicia para contribuír á construción dun mundo máis xusto.